Lucía Veiga e Denís Gómez anunciaron onte, mércores 7 de febreiro, as candidaturas finalistas da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no museo MEGA.
A serie ‘Rapa’, producida por Portocabo, e as longametraxes ‘O corno’, producida por Esnatu Zinema e Miramemira, e ‘Matria’, producida por Matriuska Producciones, acaparan 42 candidaturas finalistas.
A serie producida por Portocabo encara a recta final dos premios sendo a máis votada polas académicas e académicos, con 16 candidaturas, empezando pola de Mellor serie de TV, onde compite con outro traballo da produtora ‘Os argonautas e a moeda de ouro’.
Cinco curtametraxes compiten polo mestre mateo á Mellor curtametraxe de imaxe real, entre estes títulos atopamos os traballos das produtoras Undodez por ‘Nena’, Cósmica Producións por ‘O neno sardiña’ e Gaita Filmes por ‘Ulises’. Entre os títulos que compiten polo trofeo a Mellor curtametraxe de animación está ‘To bird or not to bird’ por Abano Producións,
Na categoría de Mellor programa, atopamos ao vencedor na pasada edición dos Mestre Mateo, ‘Cinephilia’ (Noveolas Producciones) emitido por Telemiño. Simone Saibene é finalista a Mellor comunicador e Mellor realización por este programa. Acompáñano desde Meteórica polo traballo ‘O gran camiño. Grandes rutas a pé do mundo’ (Meteórica Cine) que tamén compite como finalista a Mellor realización para Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias.
Entre as películas candidatas a seren recoñecidas como Mellor documental atopamos o traballo de Somadrome por ‘A viaxe de Lucy’, Ollovivo por ‘Chichi e máis eu’ e Serea Films por ‘Os espazos en branco’.
Completan as candidaturas desta vixésimo segunda edición dos premios, as finalistas na categoría de Mellor serie web ‘Terapia de’, producida por Kraken Media e ‘Bechos’, producida por Undodez.
Os premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña.
A XXII edición dos Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.
Podes consultar a relación de finalistas aquí.