Asociación Galega de Productoras Independientes

Presentación

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) é a asociación empresarial pioneira do sector audiovisual galego. Fundada en 1994, agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e leva máis de tres décadas contribuíndo de maneira decisiva á consolidación e ao desenvolvemento dunha industria audiovisual galega sólida, competitiva e con identidade propia.

Desde os seus inicios, AGAPI desempeñou un papel fundamental como axente vertebrador do sector. Foi a impulsora dos primeiros premios anuais do audiovisual galego, os Premios AGAPI, celebrados entre 1996 e 2001, que deron paso á creación da Academia Galega do Audiovisual en 2003 e aos actuais Premios Mestre Mateo. Nese mesmo ano promoveu tamén a constitución do Clúster Audiovisual Galego (Clag) e, cunha clara vocación internacional, organizou en 2004 a primeira presenza conxunta das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes.

No ano 2014, coincidindo co vinte aniversario da súa fundación, AGAPI foi recoñecida co Premio da Cultura Galega do Audiovisual, o máximo galardón que outorga a Xunta de Galicia a entidades destacadas pola súa achega cultural e histórica ao país.

Ao longo destes máis de trinta anos de traxectoria, a Asociación desenvolveu numerosas iniciativas en defensa do sector. AGAPI foi e continúa a ser unha interlocutora activa coas administracións públicas e coas televisións, tanto galegas como estatais. Organiza de maneira regular seminarios, xornadas e accións de formación especializada centradas en ámbitos creativos, innovadores e tecnolóxicos, e elabora informes e publicacións de referencia que serven de base para múltiples estudos e investigacións.

A entidade colabora estreitamente con universidades galegas, asociacións profesionais, festivais, mercados audiovisuais, Film Commissions e entidades de xestión como EGEDA, reforzando así unha rede de cooperación clave para o desenvolvemento do ecosistema audiovisual.

No ano 2025, AGAPI recibiu dous importantes recoñecementos que poñen en valor a súa traxectoria colectiva e o seu papel pioneiro no audiovisual galego. Foi distinguida co XIV Premio José Sellier, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual, que recoñece a súa traxectoria exemplar e a súa contribución decisiva á construción do sector ao longo de máis de tres décadas. Ademais, recibiu unha mención especial á traxectoria colectiva nos Premios CREA 2025, concedidos pola Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia, un recoñecemento especialmente significativo ao proceder da propia profesión.

Na actualidade, en 2026, AGAPI conta con 48 empresas asociadas, a cifra máis alta da súa historia, tras a incorporación de 11 novas produtoras ao longo de 2025, un dato que reflicte o excelente momento creativo e industrial que vive o audiovisual galego. Desde a Asociación insístese, non obstante, na importancia de acompañar este crecemento con políticas públicas que garantan a súa estabilidade e consolidación a longo prazo.

AGAPI entende o audiovisual como un sector estratéxico e de futuro para Galicia, así como unha industria cultural na que deben convivir en equilibrio os intereses empresariais e os valores culturais. Un espazo común no que creación, identidade e sustentabilidade teñan a mesma relevancia e forza, e desde o que seguir construíndo o presente e o futuro do audiovisual galego.

Protocolo de prevención e actuación frente á violencia sexual

Plan de Igualdade

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies