A empresa coruñesa Portocabo vén de anunciar que nas próximas semanas arrincará a rodaxe do filme ‘+Cuñados’. Logo do éxito do filme ‘Cuñados’, volve a segunda parte desta divertida comedia que ten prevista a súa gravación en Ourense.
Contará co mesmo elenco principal da primeira entrega e nesta ocasión parte da trama terá lugar no entroido ourensán. Moi pronto darán a coñecer máis novas e o data exacta de arrinque de rodaxe, quedamos atentas!
A produción de Portocabo (‘Hierro’, ‘Rapa’, ‘Os Argonautas’) conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Á fronte do equipo técnico da película atópanse Alfonso Blanco (produción executiva), Luís Avilés (dirección), Araceli Gonda (guion), Santi Jul e Iván Laxe (música orixinal), Sergio Franco (dirección de fotografía), Ana Míguez e Javier López (dirección de produción), Diego Méndez (coordinador de dirección), Juan Gay (son), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística), Saturna (vestiario) e Fanny Bello (maquillaxe).