A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, impulsa o debate sobre a pluralidade lingüística no sector audiovisual galego na vindeira sesión do Intergrupo de Linguas da Eurocámara, que se celebrará este xoves, 20 de abril en Estrasburgo. “Pese a que un dos obxectivos da Directiva Audiovisual da UE é garantir a pluralidade lingüística, vemos como en Galiza non está garantida a igualdade”, salienta Miranda.
Para debater esta cuestión, na xornada do Intergrupo participarán Marcos Maceira, presidente da Mesa Galega pola Normalización Lingüística; Xosé Lois Ledo Andión, vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Soliña Barreiro, en representación do Grupo de Estudos audiovisuais da USC.
O Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo, -integrado por eurodeputados e eurodeputadas de varios grupos da Eurocámara-, considera que o sector audiovisual debe ser un campo de acción estratéxico para calquera política que realmente busque a normalización das linguas e polo tanto trátase dun tema de gran transcendencia para o sector audiovisual galego.
O debate poderá seguirse a través do enlace https://ep.interactio.eu/9dnb-i66e-38lx