Agallas Films, produtora fundada en 2009 con sede na Coruña e socia de AGAPI, conseguiu o que parece imposible: que o seu proxecto de serie ‘Oro negro’ entre na selección de International Drama Summit de Content London. A xornada Drama Series Pitch recibiu este ano preto de 100 propostas de proxectos de ficción en busca de financiamento. De entre todas elas, seleccionáronse 15 para presentarse en formato pitch o próximo 3 de decembro en Londres, e outras 15 foron tamén elixidas para completar a lista de 30 proxectos internacionais destacados polo foro que organiza C21 Media.
‘Ouro negro’, titulada ‘Black Gold’ en inglés, forma parte dese segundo grupo de selección. Paula Cons, directora de contidos de Agallas Films, xa está a preparar a súa axenda de reunións para Content London 2019. “Ao principio non nos criamos que ‘Ouro negro’ estivese seleccionada xunto a tantos proxectos de Reino Unido, Dinamarca ou Nova Zelanda” comenta Cons. E é que o feito de que un evento tan británico como Content London se fixe nunha serie española é un fito. “Enseguida me din conta de que ten todo o sentido porque ‘Ouro negro’ presenta unha historia que implica a moitos países, sucede en España pero hai personaxes de Alemaña, Portugal… É unha historia aberta e internacional, ademais fala de algo que sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial e que case ninguén coñece”.
‘Ouro negro’ conta como durante a Segunda Guerra Mundial os nazis desembarcaron en Galicia para extraer volframio, un mineral necesario para fabricar armas que nese momento soamente podíase atopar en Galicia e no norte de Portugal. “Isto provocou que moitas vilas pequenas que estaban a saír da posguerra española renacesen dalgunha maneira e enchésense de diñeiro, é unha situación que se pode comparar á febre do ouro de California con todos os personaxes que implica: prostitutas, aventureiros, espías dun bando e doutro e por suposto tiros a calquera hora do día” comenta Paula Cons.