‘Hoxe e o resto do mundo’ (Matriuska Producións) recibe o Gran Premio do Público e o Premio Europa Film Festivals – Europa Joven no Festival Internacional de Cinema de Xixón

O documental galego ‘Hoxe e o resto do mundo‘, primeira longametraxe escrita e dirixida por Cecilia Díaz Betz e producida pola asciada de AGAPI Matriuska Producciones, triunfou na 64ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX) ao alzarse con dous prestixiosos galardóns: o Gran Premio do Público e o Premio Europa Film Festivals – Europa Xove. Este dobre recoñecemento chega tras a súa estrea mundial na sección Esbilla do certame asturiano e consolida o percorrido dunha obra que xa pasou con éxito por citas como Cineuropa (Santiago de Compostela) e o Festival Rizoma (Madrid).
A través de 93 minutos de metraxe e apoiándose nun amplo arquivo familiar, histórico e audiovisual inédito, o filme reconstrúe a traxectoria vital, o compromiso social e o legado artístico de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro,avós da cineasta e figuras esenciais da vangarda cultural galega e fundadores do Laboratorio de Formas de Galicia (Sargadelos). A viaxe narrativa transita entre Galicia e o exilio para reivindicar a vixencia do seu pensamento humanista, contando cun destacado equipo técnico integrado por Alicia Francés (fotografía), Diana Toucedo (montaxe), Carmen Triñanes (arte e vestiario) e o dúo Los Sara Fontán (música orixinal), ademais do respaldo financeiro do ICAA, AGADIC,a TVG e a Deputación da Coruña.
Tras estas grandes noticias ‘Hoxe e o resto do mundo‘ prepara agora a súa chegada ás salas comerciais de Galicia da man da distribuidora La Machina. A súa estrea oficial terá lugar o vindeiro xoves 3 de decembro nos Cines Cantones da Coruña, á que seguirán pases especiais nos Cines Viveiro (entre os días 4 e 7 de decembro) e unha proxección na sala compostelá NUMAX o sábado 5 de decembro.
