A película ‘A illa das mentiras’, dirixida por Paula Cons, estréase o 24 de xullo na plataforma Filmin

A película ‘A illa das mentiras’, dirixida por Paula Cons, estréase o 24 de xullo na plataforma Filmin

A longametraxe ‘A illa das mentiras’, a ópera prima da directora galega Paula Cons, producida por Agallas Films, estrearase o vindeiro 24 de xullo a través de Filmin, a principal plataforma dixital de cine independente en España. Este thriller conta nos papeis principais con Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna, xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e María Costas.

A película está inspirada libremente en feitos reais, concretamente no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921. Este é o punto de partida dun filme en que o máis interesante non é o naufraxio en si mesmo, senón as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar coma o desta pequena illa. Tamén é unha homenaxe ás tres mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.

‘A illa das mentiras’ comeza a madrugada do 2 de xaneiro de 1921, cando o transatlántico Santa Isabel, con destino a Bos Aires e 260 persoas a bordo, se afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora. A falta de homes na illa, tres mozas, María, Josefa e Cipriana, deciden ir ao rescate, salvando case medio cento de persoas, nun acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, León, un periodista arxentino, acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades, chegando mesmo a sospeitar que o naufraxio puido ser provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

O filme está coproducido pola galega Agallas Films, a vasca Historias do Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación da TVG, RTVE e ETB e co apoio de AGADIC, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies