Iván Patiño (Amanita Studio): “Cando todas as pezas encaixan”

Iván Patiño (Amanita Studio): “Cando todas as pezas encaixan”

O novo socio de AGAPI, Amanita Studio empeza a súa viaxe no 2010 cando Iván Patiño e o seu primo, o director de cinema Lois Patiño fundan esta produtora baixo o nome Amanita Films, co obxectivo de sacar adiante os seus propios proxectos audiovisuais de ficción e documental. Seis anos despois incorpóranse ao equipo Elena Patiño e Efrén Hermida, dous deseñadores gráficos que tras varios anos de experiencia en Londres deciden volver a Monforte para darlle á produtora un enfoque multidisciplinar, así é como en 2016 Amanita Films convértese en Amanita Studio. Desde entón crean e desenvolver proxectos de deseño web, gráfico, editorial e audiovisual para clientes en Galicia, Eivissa ou Londres.

Na conversa con Iván Patiño fálanos precisamente de como lles funciona esta forma multisdisciplinar: “Cando unes pezas que non crees que ían encaixar e de súpeto todo encaixa. Ter dentro dun mesmo espazo, equipo, deseño, web, vídeo… permítenos ter un funcionamento empresarial sostible”.

O que os define á hora de traballar é a proximidade e a humanidade coa que se achegan a cada proxecto, buscando sempre a claridade, tanto na relación humana como no traballo en si mesmo.

Amanita Studio conta no seu portfolio con proxectos como o documental “Os días afogados” e “Idénticas”, ambos gañadores do premio Mestre Mateo ao mellor documental no 2016 e 2019 respectivamente.

Actualmente traballan en dous proxectos audiovisuais, o primeiro deles é a nova película de Lois Patiño, “Lúa Vermella”, coproducida con Zeitun Films e na que Amanita Studio se encargou da produción de campo durante a rodaxe na Ribeira Sacra. Por este filme chegoulles “Shkid”, a nova longametraxe de animación de Fernando Cortizo, un proxecto que se achega ao holocausto xudeu a través dos ollos dun neno nun campo de concentración. Este filme de animación espera chegar ás pantallas en 2021. En ambos proxectos Amanita Studio participa cun modelo de co-produción, Iván Patiño afirma que se senten moi cómodos con este modo de traballo: “é unha fórmula que me funcionou moi ben, ao final asumes entre un 10 ou un 20 por cento da produción en forma de financiamento ou recursos humanos”.

Inevitable falar do impacto da Covid-19, e é que a nivel empresarial foi bastante negativo “case un 40% da nosa parte audiovisual son vídeos corporativos para o concello de Monforte de Lemos, para nós é unha inxección económica importante, e agora varios deses vídeos xa non se van facer”.

Doutra banda hai algo positivo en todo isto, unha opinión que comparte xa moita xente dentro do sector: “Nunca foramos tan produtivos. Co confinamento era moito máis fácil cadrar as axendas, entendemos que a dixitalización supuxo un gran avance e ademais aproveitamos o tempo para a autoformación da empresa”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies