Xosé Lois Ledo distinguido co V Premio de Honra Dolores Ben 

Xosé Lois Ledo distinguido co V Premio de Honra Dolores Ben 

Xosé Lois Ledo distinguido co V Premio de Honra Dolores Ben 

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) acordou en 2021 crear o Premio de Honra Dolores Ben co obxectivo de manter viva a súa memoria e recoñecer aquelas persoas e institucións que encarnan os valores de compromiso, loita e defensa do ben común que ela representou ao longo da súa vida.

Dolores Ben presidiu a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) entre os anos 2007 e 2019, deixando unha fonda pegada polo seu exemplo de traballo, integridade e compromiso co sector audiovisual. Muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, contribuíu coa súa dedicación e esforzo a construír un horizonte sólido para o futuro do audiovisual galego.

Nesta V edición, a Asociación quere distinguir a traxectoria e o labor de Xosé Lois Ledo Andión, profesional estreitamente vencellado ao audiovisual galego e firme defensor do cinema independente.

Licenciado en Xornalismo e especializado en guión e documental, Xosé Lois Ledo Andión é administrador único da produtora Nós, PCG, S.L. Ao longo da súa carreira desenvolveu unha intensa actividade como produtor, director e director de produción en numerosas obras audiovisuais.Entre os seus traballos máis destacados figuran, como director de produción, os filmes Santa Liberdade, Liste, pronunciado Lister e A cicatriz branca. Foi tamén produtor executivo e director do documental Bestas, seleccionado para participar no Festival de Cine de Málaga no ano 2002.

No ámbito televisivo participou nas series O corpo da alma e Imos de viños, ademais dos documentais Inmigrantes no país da emigración, O país dos mistos e O Garabelo.

Celebración do Premio Honra Dolores Ben 2025

No ano 2005, a produtora da que é administrador incorporouse a AGAPI, pasando el a formar parte da directiva presidida por Dolores Ben. Máis adiante, durante a presidencia de Felipe Lage, ocupou a vicepresidencia da asociación ata o ano 2025. Como representante do sector audiovisual galego, participou tamén no Parlamento Europeo, en Estrasburgo, na defensa do cinema independente.

A súa traxectoria profesional abrangue igualmente o ámbito da administración pública, onde exerceu como secretario do Concello de Corcubión, interventor da Escola Galega de Administración Pública e xefe do Servizo de Fiscalización e Contabilidade da Consellería de Presidencia e da Presidencia da Xunta de Galicia.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 10 de xuño ás 19.00 horas en Cinemar Films, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006 e situado no polígono de Novo Milladoiro, moi preto de Santiago de Compostela.

O I Premio de Honra Dolores Ben recaeu na poetisa e xornalista cultural Ana Romaní; o II Premio foi para a xornalista Tareixa Navaza; o III distinguiu a tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo; e o IV Premio de Honra Dolores Ben foi concedido á produtora Fernanda del Nido.

Celebración do Premio Honra Dolores Ben 2025

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies