”Uns premios que caerán en casa”

”Uns premios que caerán en casa”

Este ano AGAPI, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, está de noraboa porque 11 das súas 27 empresas asociadas teñen proxectos nomeados aos Premios Mestre Mateo que se celebran este próximo sábado no Teatro Colón da Coruña. 

A gran favorita desta edición é “Ons” de Maruxiña Film Company que conta con 13 nomeamentos, seguida moi de preto por “A Illa dás Mentiras” de Agallas Films con 12 nomeamentos, “Arima” de Esnatu Zinema con 7 e “Lúa Vermella” de Zeitun Films con 4. Son estes mesmos 4 títulos os nomeados a Mellor Película, unha das categorías estrela dos premios. É un catro de catro que desde Agapi xa celebran sabendo que unha das gañadoras caerá en mans dalgunha das súas empresas asociadas.

En palabras da xerente da Asociación, Uxía Caride:“Despois dun ano moi difícil é unha ledicia ver tanto talento nos Premios Mestre Mateo, que a pesar de ter que celebrarse nun formato reducido, serán unha oportunidade para festexar que o sector segue adiante con certo optimismo”.

Ademais, contan con proxectos nomeados en diferentes categorías como: Mellor Curtametraxe de animación con “Carne” de Abano Producións e “Night Keeper” de Producións Vigo- EISV; Mellor Curtametraxe de imaxe real con “A Penumbra” de Gaita Filmes; Mellor Documental no que optan os títulos “A media voz” de Matriuska Producciones e “Nación” de  Nós, Produtora Cinematográfica Galega, Mellor serie de TV con “Auga Seca” da produtora Portocabo e por último na categoría á Mellor Dirección compiten Alfonso Zarauza (Maruxiña Film Company), Paula Cons (Agallas Films) e Lois Patiño (Zeitun Films).

Outra gran noticia é que os nomeamentos chegan a todos os formatos, desde a ficción ata o documental pasando pola animación, unha mostra de que o sector audiovisual galego conta con grandes profesionais en todas as súas categorías. Todos estes proxectos nomeados están a ter unha boa acollida por parte dos espectadores, algo necesario para que o sector resista, facer un cinema propio que conecte co público.  Desde Agapi lembran que “Nestes momentos é moi necesario apoiar ás salas de cinema que son fundamentais na distribución das películas, reivindicar que son seguras e volver a elas é a mellor forma de facelo”, comenta Uxía.

Agapi leva traballando desde 1994 no desenvolvemento e consolidación do sector audiovisual galego, desde a Asociación afrontan o futuro con esperanza, en palabras do seu presidente Felipe Lage: “Nestes 27 anos Agapi foi unha peza fundamental para xerar interrelación entre todos os axentes do sector, incluídas as Administracións e as televisións. Hoxe estamos nun momento transcendental, cunha enorme calidade creativa, con importantes cambios no mercado e con novas oportunidades. Agapi reafirma o seu compromiso de traballo para conquistar as ferramentas que posibiliten a necesaria consolidación e estabilidade do audiovisual galego ante este novo escenario e os retos que se nos expoñen”.

A gala dos Premios Mestre Mateo celebrarase o próximo 10 de abril en formato presencial. Farase seguindo uns estritos protocolos cos que a Academia quere reivindicar a seguridade dos eventos culturais en tempos de pandemia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies