Emilio García (Cinemar Films): ”En Cinemar Films apostamos pola calidade dos proxectos”

Emilio García (Cinemar Films): ”En Cinemar Films apostamos pola calidade dos proxectos”

Pasaron 5 anos desde que Emilio García Rivas decidiu volver á súa Galicia natal para converterse no xefe técnico de Cinemar Films. Falamos con el sobre os seus comezos, a súa vida en Madrid, o audiovisual galego e como están a facer fronte a pandemia no estudo.

Hai 17 anos que Emilio García decidiu deixar Galicia para continuar a súa formación. Despois de pasar por Irlanda chegou a Madrid onde comezou os seus estudos na ECAM, ao mesmo tempo que traballaba en produtoras de televisión. 

Tralo seu paso pola ECAM traballou 6 anos como asistente técnico nos desaparecidos estudos Cata, colaborando en grandes producións de música e cinema a nivel internacional da man de enxeñeiros de son como Jose Luís Crespo ou Andy Bradfield. De aquí pasou a traballar no son e mestura de películas da man de profesionais como Carlos Faruolo ou Jaime Fernandéz. É precisamente con Jaime Fernández que volve a Cinemar Films para un dos  proxectos, cando Dolores Ben lle propón volver a Galicia e converterse no xefe técnico de Cinemar Films, en palabras de Emilio “necesitaba un cambio e volver aquí foi unha alegría enorme”.

Dos anos de traballo e vida en Madrid queda con moitas cousas, pero sobre todo ”co pracer de traballar con Jaime Fernández, non só pola oportunidade de aprender cuns dos mellores mesturadores de España, senón por ter ademais, a satisfacción de compartir unha relación de amizade”. Entre os moitos proxectos nos que traballou queda co documental “Paradiso” dirixido por Omar A. Razzak que narra a vida do cinema Duque de Alba, a última sala X de Madrid. En palabras de Emilio ”Paradiso é un deses documentais en construción constante no que Omar, Mikel e eu traballamos durante 3 anos, foi un proxecto feito desde o amor absoluto”.

Durante os seus 17 anos traballando fóra de Galicia nunca perdeu o contacto coa súa terra e seguiu moi de preto a evolución e crecemento do audiovisual galego. Agora que volveu non dubida ao afirmar que “en Galicia hai un talento enorme, non só na parte creativa senón tamén na técnica, non temos nada que envexar o cinema americano, en EEUU o que teñen é máis diñeiro para realizar proxectos, pero o nivel técnico é altísimo e cando os americanos veñen aquí quedan sen palabras”.

Como xefe técnico en Cinemar Films, Emilio quixo implementar no estudo todo o aprendido nestes anos. Na actualidade desde o estudo traballan en varias películas, a máis recente é “Nación” de Margarita Ledo. Ademais están con numerosos proxectos dos que aínda non poden desvelar nomes, entre os que se atopan un par de longametraxes galegas, unha coprodución hispano-colombiana e outra coprodución canario-holandesa, traballos que deixan patente a pegada e o bo facer de Cinemar Films. 

A pandemia golpeoulles como a todos e tiveron que adaptar as salas de gravación con biombos de metacrilato e reorganizar as gravacións para evitar que os actores coincidan, pero Emilio García teno claro, “creo que as consecuencias desta pandemia dentro do sector vanse notar o ano que vén, durante o 2020 e este 2021 seguimos traballando en proxectos que xa estaban en desenvolvemento, pero na miña opinión penso que notaremos as consecuencias desta crise no 2022, aínda que oxalá que non sexa así”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies