A película de Juanjo Giménez, “Tres”, coproducida por Frida Films, participará na sección Contemporary World Cinema da 46ª edición do Festival Internacional de Cine de Toronto, que se celebrará do 9 ao 18 de setembro, e competirá na sección Giornate Degli Autori do Festival de Venecia, paralela á Mostra, e que terá lugar do 1 ao 11 de setembro.
“Tres” é a segunda longametraxe do director Juanjo Giménez, unha produción de Luisa Romeo (Frida Films) en coprodución con Manny Films, (Francia) e M-Films (Lituania). A película conta coa axuda de ICAA, ICEC, AGADIC e coa participación das televisións TVG, TV3, Canal Plus Francia, así como cos fondos de MEDIA e Eurimages. Le Pacte se encarga das vendas internacionais.
“Three (tres)” está protagonizada por Marta Nieto, xunto a Miki Esparbé, Francisco Reyes e os actores galegos Luisa Merelas, Cris Iglesias e Fran Lareu. Participou no mercado de Coprodución da Berlinale 2018 e foi premiada ese mesmo ano na undécima edición de TorinoFilmLab.
Sinopse
Marta Nieto é C. (39) unha deseñadora de son que goza do seu traballo e que pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, misturando. O estudio é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as maltreitas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa nai anciá e cos seus compañeiros de traballo. Malia que ela aínda non o sabe, C. está comezando a desincronizarse. Como se fora unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde cas imaxes.