TEX45 Producións dispón dun novo plató para rodaxes de cinema e televisión, instalado no concello de Ordes, que contou para o seu equipamento co apoio da Xunta de Galicia a través do seu Hub Audiovisual Industria Cultural.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou o pasado día 26 de febreiro o novo plató, habilitado nunha nave do polígono industrial de Merelle, acompañado por Manuel Cernadas e Elba Pedrosa, director e coordinadora de novos formatos de TEX45.
Este novo plató amplía os servizos que TEx45 xa viña ofrecendo desde hai anos nun primeiro plató situado na mesma localidade. Ambos espazos contan coa última tecnoloxía de vangarda, con led tanto en iluminación como en pantallas de vídeo para calquera tipo de filmación. Entre os dous estudios, TEX45 leva a cabo de xeito simultáneo a gravación de entre catro e cinco programas de televisión e está previsto que comece tamén proximamente a gravación de interiores do filme “Para ver o mar”.
Para executar o seu novo proxecto, a produtora recibiu unha subvención de preto de 100.000 euros como unha das 42 empresas culturais adxudicatarias en 2023 do fondo tecnolóxico para a adquisición de novos equipamentos.
Capacidade para 200 persoas
Con este segundo espazo en Ordes, engádense 1100 m2 para a filmación de todo tipo de producións audiovisuais, dos que máis de 700 m2 funcionan como plató diáfano cun ciclorama verde chroma. Con capacidade para 200 persoas, inclúe tamén outras dependencias destinadas a almacén, oficinas ou camerinos.
Este acondicionamento posibilitou, entre outras accións, a optimización do sistema de climatización para mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada acústica, o illamento acústico e lumínico do espazo e a instalación de truss de aluminio para empregar nas rodaxes.