A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) conta coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) para a organización e posta en marcha dun roteiro por Institutos de Educación Secundaria das catro provincias galegas para achegar ao alumnado programación audiovisual en galego de diversa temática acompañada dun coloquio.
Nos vindeiros meses os centros de ensino interesados poderán acceder a unha serie de coloquios con profesionais do audiovisual galego que complementarán o visionado dunha das pezas en galego recollidas no catálogo ‘Educa Audiovisual’, proporcionando ao profesorado unha nova ferramenta educativa.
Esta iniciativa ten entre os seus obxectivos aumentar o interese do alumnado no audiovisual galego e en galego e conseguir un incremento na conciencia crítica.
Audiovisual galego e en galego
Os títulos e temáticas recollidas no catálogo de pezas audiovisuais ‘Educa Audiovisual’ contemplan múltiples puntos de vista que abren moitas posibilidades educativas e transversais ás diferentes materias de ensino. Están presentes temas como o apoderamento feminino, a identidade, o patrimonio ou a lingua.
O roteiro ‘Educa Audiovisual’ é unha iniciativa financiada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a difusión do audiovisual en lingua galega.
O catálogo do proxecto ‘Educa Audiovisual’ pode consultarse premendo aquí.