‘O corpo de Cristo’ (Abano Producións) faise co Premio do Xurado Sénior, o Premio Numax e o Premio MAV dentro do Festival INTERSECCIÓN

A novena edición de INTERSECCIÓN – Festival Internacional de Cine da Coruña conclúe coa entrega dos seus premios, que recoñecen unha selección de obras que abordan cuestións como a memoria individual e colectiva, a identidade, a saúde mental ou as relacións entre o corpo e o territorio.
O palmarés deste ano reúne películas que revisitan as lembranzas persoais, cuestionan os imaxinarios herdados e exploran outras formas de representar a realidade. Desde o cinema documental ata a animación e a experimentación audiovisual, as obras premiadas reflicten a diversidade de aproximacións formais e temáticas que caracteriza a programación de INTERSECCIÓN e a súa aposta por un cinema contemporáneo atento ás transformacións sociais, culturais e políticas do noso tempo.
Dentro do Palmarés destacan especialmente os tres galardóns outorgados á curtametraxe de animación ‘O corpo de Cristo’, dirixido por Bea Lema e producido pola asociada de AGAPI, Abano Producións. O primeiro deles foi o Premio do Xurado Sénior, recén estrenao nesta edición do festival, que recoñeceu a importancia de representar a saúde mental na gran pantalla. O Premio NUMAX recau tamén en ‘O corpo de Cristo’ pola valentía coa que aborda a saúde mental desde a perspectiva dunha nena. O xurado puxo en valor a combinación de elementos etnográficos profundamente vinculados a Galicia cunha proposta visual orixinal. A mesma obra recibiu tamén o Premio MAV, que recoñeceu a sensibilidade coa que a directora aborda a saúde mental e as complexas relacións de coidados entre nais e fillas. O xurado destacou a súa crítica aos límites da psiquiatría tradicional, a presenza das crenzas populares da Galicia rural e a singularidade dunha proposta visual baseada na animación de bordados.
