Comezou a rodaxe de ‘San Simón’, a película que recrea o pasado desta illa como campo de concentración franquista

Comezou a rodaxe de ‘San Simón’, a película que recrea o pasado desta illa como campo de concentración franquista

O filme ‘San Simón’, primeira película do director manchego Miguel A. Delgado, abriu este mércores as súas portas a unha xornada de rodaxe na illa redondelá, escenario onde se recrea o seu pasado como campo de concentración durante a Guerra Civil Española.
A produtora executiva, Andrea Vázquez, destacou que ”San Simón é un filme de ficción aínda que con tintes documentais que se basea en feitos reais. Houbo un casting de máis de 3.000 persoas para seleccionar unhas 250, entre protagonistas e figurantes”.

O reparto conta con profesionais consolidados como Valentín Estévez, Javier Varela, Miguel Borines e Tatán, amáis de familiares de persoas que pasaron pola illa durante a súa época como campo de concentración, como Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia, republicano de Valga preso en San Simón e fusilado en Pontevedra en maio de 1937.

O  arquivo Nomes e voces do grupo de investigación Histagra da Facultade de Historia da USC, xunto á colaboración do catedrático Lourenzo Fernández Prieto, foi unha peza importante para a elaboración do guión. “Buscamos e apoiamos proxectos que conteñan historias que deben ser contadas e  compartidas co público”, afirmou Andrea Vázquez, directora da produtora audiovisual Miramemira.

Despois de varios anos de investigación e recompilación de información, co filme ‘San Simón’ naceu  un novo proxecto que utilizará todo o material xerado para seguir explicando esta historia máis detalladamente a través dun webdoc que conta co apoio na produción da Televisión de Galicia.
‘San Simón’ retrata a colonia penitenciaria que foi a illa entre 1936 e 1943, baseándose en historias reais. A rodaxe comezou este mes no arquipélago e continuará nas próximas semanas no complexo militar da ETEA (Vigo), o convento de Santa Clara (Pontevedra) e a Cova da Moura (Ourense). A data da estrea da película está prevista para finais do 2024 ou inicio do 2025.

“San Simón” é unha produción de Miramemira, Morelli Producciones e Bando á Parte (Portugal), co apoio do ICAA, Axencia Galega das Industrias Culturais, TVG, TVE, TV Castilla-La Mancha e Abycine, e a colaboración de O Faiado da Memoria, o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e o asesoramento do grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX).

Antonio Caeiro, Manuel Carbia, Iván Crespo, Rita Pérez, Digna Rivas, Pedro Blanco, Andrea Vázquez, Miguel A. Delgado, Anxo Lorenzo, María Sabucedo, Jacobo Sutil, Marta Lucio e Lourenzo Fernández Prieto.
Foto de Manuel G. Vicente

O acto que se celebrou na illa de San Simón contou coa presenza de Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Marta Lucio, directora do Museo do Mar; María Sabucedo, directora da plataforma A Galega; Digna Rivas, alcaldesa do Concello de Redondela;  ediles do concello de Redondela; Antonio Caeiro, de O Faiado da Memoria e director do documental Aillados; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e director de Histagra; e  Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies