O vindeiro 24 de febreiro terá lugar a gala da VIII Chanfainalab

O vindeiro 24 de febreiro terá lugar a gala da VIII Chanfainalab

O vindeiro sábado día 24 de febreiro celebrarase na Casa da Cultura de San Sadurniño o pase das 30 curtametraxes realizadas no marco da VIII edición da Chanfainalab. Unha gala que estará conducida pola actriz Isabel Risco e Araceli Bellas. As pezas foron producidas tanto por relevantes cineastas galeg@s como pola veciñanza de San Sadurniño. 

Todas as edicións da Chanfainalab comezan a mediados de febreiro cun dos momentos de maior impacto mediático e asistencia de público que enche a Casa da Cultura: A première mundial do Chanfaina do ano anterior.  Tratase dun evento singular e único no audiovisual galego no que se estrean simultaneamente 30 curtametraxes en V.O. galega. Gran parte dos asistentes participaron como figurantes ou colaboradoras das pezas producidas ou son simplemente veciños e veciñas curiosas que poden ollar o seu mundo a través doutros ollos.

É un visionado colectivo da veciñanza popular cos e cas creadoras durante tres horas. En realidade é unha celebración da tolerancia entre estilos, temas e miradas diversas, por veces contrapostas, sen espírito competitivo algún, que forzosamente xera novas sensibilidades no público espectador. Cinema feito por labregos/as, xubilados/as ou traballadores/as conviven con obras realizadas por estudantes de cine ou polos/as mellores cineastas do país.  Os mozos estudantes Iago Lourido, Bieito Beceiro, Aroa Calvo, Catalina Rodríguez, Pablo Martínez, Soraya Yáñez, Ángela Arnosa, Kevin Lorenzo e os colectivos “NaraíoMedia” e “SueÑa”. Completa a listaxe “local” un grupo de veciños e veciñas, tamén cineastas, que todos os anos achegan a súa xenerosidade e talento a esta experiencia singular como Fran Bermúdez, Xosé Manuel Rabón/Víctor Rico, Abel Vega e as labregas de “Teño unha horta”. Tamén participan novas promesas do audiovisual galego recentemente tituladas en Belas Artes ou Audiovisual como Mirian Opazo, Candela Conde, Xoán Rodríguez Caridad e Cristina Souto. Asemade, como nas edicións anteriores, participan un grupo de profesionais con experiencia dabondo en ámbitos diversos do audiovisual como Felix Brisel, Francisco J. Cela, Nela Fraga, Juan Galiñanes, Manolo Gómez, Diana Gonçalvez, Tono Mejuto, Adriana Páramo, Miguel A. Romero, Ignacio Vilar e o colectivo “Memoria e cinema”.

Na gala poderanse ver pezas de todo tipo: comedias, documentais, thrillers, terror, experimental, cine observacional, videocreación…etc; gravadas e filmadas en múltiples soportes: 16mm, super 8mm, dixital ou teléfono móbil. Con director@s de todas as idades, formacións e traxectorias. Outro factor a suliñar é o seu carácter non competitivo. Tod@s reciben o mesmo premio: as “Lolas Chanfaineras”. A gala replícase nos “venres de chanfaina” cando se suben á rede todas as pezas producidas en cada edición, semana a semana. 

As curtas de anos anteriores poden verse aquíA Chanfainalab é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño que conta co apoio da Deputación de Coruña.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies