Gaitafilmes é unha produtora galega con sede en Meira (Lugo) que conta con catro socios: Suso López, Andrés Goteira, Laura Doval e Adrián Folgueira. Suso López e Andrés Goteira empezaron a rodar curtametraxes no 2005 por diversión, unha maneira de explorar e dar vida ás súas inquedanzas. Goteira terminara os seus estudos de son pero pronto se deu conta de que o guión e a realización eran o seu lugar. En 2013 empezan a escribir Dhogs, proxecto que chegou ás salas catro anos despois, en 2017. Esta primeira longametraxe foi a gran sorpresa do audiovisual galego, arrasou nos premios Mestre con 13 galardóns, incluído o de mellor película e leva pasado por festivais como o de Londres, Sitges ou o Bafici, agora mesmo está dispoñible para ver en Filmin.
Dhogs, permitiulles consolidar Gaitafilmes, non só polas boas críticas recibidas por parte da industria, senón tamén porque conseguiron chegar ao gran público. Como nos di Suso “empezáronnos a tomar en serio”.
Asegúrannos que todo o proceso da película foi durísimo porque partían sen ter un coñecemento previo do que é facer unha longametraxe, con todo non estiveron sós nesa viaxe. “Recibimos moita xenerosidade e axuda por parte do audiovisual galego, moita xente estaba disposta a colaborar e aconsellarnos en moitos temas nos que ao principio estabamos algo perdidos”. Afirman que Galicia vive un momento creativo moi potente desde a narrativa, a música e por suposto o cinema, o potencial é enorme por iso esperan que as institucións se dean conta da oportunidade que isto supón a nivel económico e sigan apoiando ao sector.
Agora mesmo teñen dous proxectos en desenvolvemento Welcome to Ma Maison, un documental que teñen previsto estrear no outono do 2020 e unha nova longametraxe Starmuck (A pequena variación) que se atopa aínda en fase de guión e que esperan poder desenvolver nos próximos dous anos. Welcome to Ma Maison é un documental que se desenvolve no presente, segue os pasos dun novo estudante de arte dramática e cinema que investiga na súa tese doutoral o movemento da mans no cinema do director danés Nicolas W. Refn. Esta procura é tamén a exploración do que tenta atopar o seu oco no mundo rodeado dos medos e inseguridades que nos axexan a todos.
En Gaitafilmes desenvolven os seus propios proxectos e aínda que entre os seus obxectivos está explorar a coprodución doutros proxectos. Cando lles preguntamos que lles move á hora de empezar películas como Dhogs, Welcome to Ma Maison ou Starmucks respóndennos que as ganas de explorar o que lles emociona, non se guían por se gustará ou non ao público, senón polo que verdadeiramente lles gusta a eles. “Quizáis o secreto para sorprender á crítica e ao público resida precisamente niso, en non esquecernos do que nos levou a empezar este camiño”.