Arraianos Produccións conta cun equipo multidisciplinar que dirixe Aser Álvarez, a variedade de perfís profesionais dentro da produtora permítelles abordar os proxectos dunha maneira transversal, por isto traballan en ámbitos como o audiovisual, a publicidade e a xestión cultural.
Comezaron a súa andaina en 2012 coa produción do documental “100% Celso Emilio Ferreiro”, proxecto que repasa a vida do poeta e a quen dá vida o actor Luís Tosar, o filme recibiu en 2013 o Premio Mestre Mateo ao mellor documental. Desde entón en Arraianos Produccións apostan por contar historias cunha mirada ampla, buscando sempre a singularidade e autenticidade en todos os seus traballos, xa sexan no ámbito documental, publicitario ou cultural. En palabras de Aser “moitos dos nosos proxectos están traballados e pensados desde a paixón e ilusión, máis que a rendibilidade económica”.
Achéganse aos proxectos entendendo a cultura desde un punto de vista antropolóxico, por iso a liña editorial da produtora pon os seus esforzos na recuperación e divulgación do patrimonio material e inmaterial de Galicia, centrándose moito en poñer en valor a cultura, o mundo rural e as artes. Así atopámonos con documentais como “Ou purgatorio de Francisco
Leiro” que vira en torno ao proxecto expositivo “Purgatorio” do escultor galego Francisco Leiro, un filme no que Leiro dialoga co escultor vasco Txomin Badiola sobre as obras, as técnicas, o oficio e a natureza da escultura.
Na actualidade están a traballar en varios proxectos documentais que de momento non teñen data de estrea xa que están en fase de desenvolvemento. Este ano volverán coa 5º edición do FICRural, o festival de cinema rural que tomará a cidade de Santiago de Compostela a última semana de setembro. Ademais este ano o festival contará cunha gran feira e diferentes actividades que queren fomentar unha reflexión sobre o pasado, presente e futuro do mundo rural.
Outro dos proxectos que teñen entre mans, esta vez da man do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, é a recuperación do patrimonio fotográfico e audiovisual de Galicia desde os anos 30 ata os anos 90 sobre Galicia.
Falando con Aser confírmanos o que moitos nos comentaron xa, e é que agora mesmo en Galicia “hai un momento creativo extraordinariamente interesante, están a verse os froitos do gran talento e potencial do audiovisual galego. Agora quizáis o que nos falta dar o salto do individual ao colectivo”.
Para seguir crecendo en Arraianos Produccións ven fundamental a colaboración con outras produtoras de Galicia, pero tamén con xente de fóra “a internacionalización é clave para crecer, para ir tecendo redes”. Ven na colaboración transfronteiriza co norte de Portugal unha gran oportunidade que desde Galicia debemos explotar e coidar.