Serea Films, do quinqui ao cinema de arte e ensaio

Serea Films, do quinqui ao cinema de arte e ensaio

Sobre o papel, Serea Films ten tan só 7 meses de vida, pero a historia desta produtora nace moito antes. A idea de unir forzas baixo o nome de Serea Films xorde polo traballo en común durante varios anos e en diversos proxectos de tres persoas que desde diferentes ámbitos do audiovisual e da cultura compartían unha mesma maneira de observar e contar o mundo, eles son: Uxío Novo Rei, xestor cultural; Iván L. Gimeno, director e guionista de documentais e Álvaro Liste, produtor e realizador.  

Falamos con Álvaro Liste, para saber un pouco máis sobre o traballo desta produtora con sede en Milladoiro que acaba de entrar como nova socia en Agapi. Se tivesen que definir o tipo de proxectos que sacan adiante desde a produtora nunha frase sería: 

Produción independente, irreverente e pouco convencional. Queremos sacar á luz historias para ser máis conscientes do mundo no que vivimos. 

Proba desta liña editorial son os diferentes proxectos nos que están a traballar. Por unha banda están inmersos en dúas películas de arte e ensaio de estilo documental, ambas as óperas primas de directores pouco coñecidos. O primeiro é unha longametraxe que acaban de terminar recentemente e que leva por título “Os espazos en branco”, de Bruno Arias, sobriño de Xela Arias, unha película de autocoñecemento que narra a relación entre Bruno e a súa tía. 

O segundo destes proxectos asínao Alejandra Aguirre, directora cubana afincada en Galicia, que tras facer xa dous documentais lánzase coa súa primeira longametraxe de ficción que leva por título “Pausa na présa”, a película conta coa axuda a talento de Agadic e outras achegas e esperan empezar a rodar o próximo mes de abril. Un proxecto integramente rodado en Galicia que conta cun elenco 100% galego e case enteiramente feminino, no que participa a actriz Iria Pinheiro, Isabel Naveira e a filla de 13 anos da propia directora. O filme busca dar unha mirada feminina sobre a maternidade, os coidados e os malos tratos, no que a directora elixiu de maneira persoal a un equipo técnico tamén formado na súa maioría por mulleres.

Doutra banda,  seguen traballando na serie documental  “El Potro”, un proxecto que comezou Iván de maneira persoal no 2019 e que esperan terminar este ano. A serie segue a vida de Poli Díaz, ex boxeador profesional que chegou a ser o deportista mellor pagado de España, pero que desde 1991 non deixou de sufrir unha serie de infortunios ata acabar no cárcere. Un personaxe complexo deses que odias e amas a partes iguais. Esperan que a serie chegue ás pantallas en 2024. 

Desde Serea Films contan ademais con varios proxectos en desenvolvemento do que pouco nos poden contar, como afirma Álvaro “hai que cavar varios túneles para ver por cal escapar da prisión”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies