O cine galego atravesa un momento único. Por primeira vez, tres longametraxes galegas terán a súa premiere mundial no Festival Internacional de Cine de Berlín (Berlinale), un dos máis prestixiosos do mundo. Trátase dos filmes:
‘Sica’, ópera prima de Carla Subirana e producido pola empresa asociada a Agapi, Miramemira, xunto con Alba Sotorra, Zuzú Cinema e Amorambre Films. ‘Sica’ explora o papel das mulleres nunha sociedade marcada pola ausencia e polos compases dun océano asolagado ao mesmo tempo de vida e de morte.
‘Matria’, ópera prima de Álvaro Gago producida pola empresa socia de Agapi, Matriuska Producciones, xunto con Avalon P.C, Elastica Films e Ringo Media, estrearase na sección Panorama do Festival de Cinema de Berlín. Alí proxectarase a historia de Francisca Iglesias, a muller que coidou ao seu avó e cuxa historia transcende o xeográfico, as Rías Baixas, para instalarse na universalidade e desafía a individualidade para abrir unha singradura colectiva, unha contestación ao relato asentado e irreal dun suposto matriarcado galego.
‘Samsara’ dirixido por Lois Patiño que compite dentro da Sección Encounters. Trátase dunha sección a concurso dedicada a novas visións cinematográficas, co obxectivo de fomentar obras estética e estruturalmente atrevidas de cineastas independentes e innovadores, así como filmes de diversas formas narrativas e documentais. Encounters foi concibida como contrapunto e complemento á Sección Oficial. Producida por Señor e Señora, en palabras do director, Lois Patiño: ‘Samsara’ afonda nalgunhas constantes que fun explorando no meu traballo: a reflexión sobre a relación entre o ser humano e a paisaxe, un interese antropolóxico centrado especialmente no mítico e espiritual ou a vontade de levar ao espectador a unha experiencia íntima e meditativa.