Salas cheas e alfombras vermellas

Salas cheas e alfombras vermellas

É innegable que coa chegada da pandemia moitas cousas cambiaron, non fan falta estudos que avalen que unha desas cousas que cambiou é a maneira en que consumimos cinema. Se hai uns anos facíasenos imposible pensar que veriamos a estrea dunha película directamente desde o sofá das nosas casas, hoxe xa non nos sorprende. Pero con este cambio de paradigma hai dúas preguntas que sobrevoan as cabezas de todos aqueles que aman e traballan ao redor da sétima arte. 

A primeira delas é que papel ocupan as salas de cinema agora que todo cambiou? Estas son algunhas das respostas que compartiron connosco varios dos socios de Agapi:

A sala de cinema leva máis de 100 anos, esta non é a primeira crise, xa pasou por moitas outras e sempre sae adiante porque a sala é o máximo expoñente do cinema, hai algo de romántico e indescritible en estrear en salas. É verdade que o paradigma de consumo audiovisual despois da pandemia cambiou e tampouco podemos ir en contra dos cambios” (Iván Patiño, Amanita Studio).

Todos deseñamos e pensamos as nosas películas para que sexan vistas en salas, para gozar desa experiencia inmersiva e colectiva. Pero é absurdo dar as costas ao que está a pasar, e a moitos o contido en plataformas salvounos este ano, pero toca mimar ás salas e tamén axudar na distribución das películas que agora mesmo é o que máis nos está custando” (Paula Cons, Agallas Films).

Doutra banda Chelo Loureiro de Abano Producións resalta que “a apertura dos cinemas é super importante para a industria, os cinemas son escaparates para os carteis das nosas películas. Ademais de ofrecer unhas condicións inigualables para que o público goce dos nosos traballos, axúdannos exhibindo os nosos carteis nas rúas máis transitadas e isto é un labor de márketing importantísima para a difusión das nosas películas”.

Non todo o cinema está feito para ser visto desde un computador ou unha televisión, así o resalta Jaione Camborda de Esnatu Zinema para min o papel das salas paréceme fundamental desde a perspectiva do cinema de autor, o consumo na casa é unha realidade, hai que abrazalo pero a actitude deste consumo na casa adoita ser máis pasiva. Cando un vai á sala de cinema a película permítelle ser máis esixente co espectador, neste sentido para o cinema de autor o seu lugar natural é a sala, a solemnidade dunha sala escura á que te entregas sen interrupcións durante toda a película”.

A segunda das grandes preguntas é e que pasa cos festivais? A resposta é clara e sonora, os festivais son unha peza crave e fundamental para a engrenaxe da industria do cinema por multitude de razóns, pero a principal é porque axudan a visibilizar e validar moito contido que doutra forma quedaría esquecido. 

Os festivais son fundamentais para recoñecer e validar sempre que sexan profesionais e o máis asépticos e imparciais posibles, son unha gran maneira de recoñecer o traballo ben feito desde moitos ámbitos, guión, interpretación, arte…Sexa cal for a canle de distribución, os festivais son un punto de encontro nos que se pode compartir e nos que se obtén un selo de valor, xa sexa con con un premio ou cun nomeamento, algo que fai que os proxectos se volvan moito máis atractivos” (José Antonio Velo, Astrágalo Films).

Este papel dos festivais como avaladores de proxectos e como lugar de difusión é unha opinión que tamén comparte Suso López de Gaitafilmes “os festivais son fundamentais sobre todo para a difusión de proxectos máis independentes que non poden mover aos medios de comunicación de forma masiva, para produtoras pequenas como a nosa son imprescindibles, e sen eles seguramente non poderiamos sobrevivir facendo o que facemos”.

E é que os festivais, ademais de xanelas e altofalantes para moitos proxectos, son tamén un lugar de encontro en moitos sentidos, así nolo conta Jaione Camborda de Esnatu Zinema “son indispensables para a industria porque son o lugar onde se atopa todo o sector, a crítica, os axentes de venda, os programadores, os distribuidores…A outro nivel máis persoal como directora supón o encontro con outros cineastas, o lugar onde podes descubrir películas novas que che fan crecer, onde hai un intercambio de inquietudes”.

Aínda que todo cambiou parece que o importante non o fará. A industria ten claro que sen salas e festivais as películas quedan orfas e aínda que enchamos os nosos salóns de horas de contido case infinito, non hai nada que poida substituír unha sala de cinema nin a un festival. Así que paso a paso, pero parece que o pano e as alfombras teñen vida para longo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies