Alfonso Zarauza (Compostela, 1973) rematou onte en Santiago a rodaxe da súa sexta longametraxe, ‘Malencolía’, producida por Maruxiña Film Company. Con esta película, o cineasta galego debuta no xénero do terror, repetindo experiencia con boa parte do equipo técnico e artístico que o acompañou no seu último traballo, ‘Ons’, estreado a finais do 2020. ‘Malencolía’ realizouse ademais en localizacións dos concellos ourensáns de Boborás, O Irixo e O Carballiño.
Zarauza busca tratar o terror dun xeito pouco convencional, partindo da rica tradición galega oral e literaria sobre o medo para engadir elementos do estilo americano slasher de asasinos en serie e gore. Para abordar esta mestura de xéneros botou man de novo de colaboradores habituais no equipo técnico, como Elia Robles na dirección de arte, Alberte Branco na fotografía, Tamara Soto na dirección de produción ou Fernando Alfonsín na montaxe, todos eles galardoados ou finalistas nos últimos Mestre Mateo por ‘Ons’, que tamén levou o premio á mellor longametraxe e acadou un total de nove galardóns.
‘Malencolía’, producida por Maruxiña Film Company, é unha película rodada en Galicia e en galego, con equipo 100 % galego. Conta coa participación da TVG, subvención da Agadic e a colaboración da Deputación de Ourense e o patrocinio de Deleite.