A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida por Sonia Méndez, celebrou hoxe a súa estrea comercial nos Cantones Cines da Coruña, cun pase especial presentado polo equipo da película, ao que acudiron moitas caras coñecidas do mundo do cinema e da creación de contido en internet. As Neves chega aos cines este venres 10 de maio, con presenza en 24 salas.
Sonia Méndez, directora, e Nati Juncal Portas, produtora, de Cósmica Producións, xunto cos novos actores e actrices noveis do filme, deron a benvida ao público que encheou a sala no que é o seu primeiro pase nun cine comercial logo da súa presentación no Festival de Málaga e da preestrea a semana pasada na Fonsagrada, a vila onde se rodou As Neves. Agradeceron tamén a presenza da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, da deputadas da Deputación da Coruña de Igualdade e Lingua, Soledad Agra, e de Cultura, Natividade González, así como do director de contidos da Televisión de Galicia, Fernando Ojea.
Ademais do elenco principal, encabezado por Andrea Varela, David Rodríguez, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, boa parte do equipo artístico e técnico do filme acudiu á estrea, na que non faltou unha boa representación de cineastas, músicos e creadores de contido dixital. Nomes como os cineastas Álvaro Gago e Feyrouz Serhal, os músicos Nuno Pico de Grande Amore, Anxela Baltar de Bala, a cantante Hydn ou a artista drag Marisa Pisa, ou creadoras de contido en internet como Sara Seco, Prado Rúa, Leti da Taberna, Carlos Vieito e Belén Puime.
O filme é un drama adolescente ambientado nunha vila ficticia chamada As Neves, —trasunto da Fonsagrada (Lugo)— que se achega con mirada íntima á xeración moza que vive no contraste entre a hiperconexión e o aillamento. Unha produción de Cósmica Producións en coproducción con Aquí y Allí Films, coa participación de RTVE, CRTVG e CREA SGR, a colaboración de HBO, o financiamento do Ministerio de Cultura (ICAA), o Instituto de Crédito Oficial e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
SINOPSE: As Neves é unha vila galega de montaña donde todos se coñecen. Na noite do Entroido un grupo de adolescentes celebra una fiesta e toman setas alucinóxenas por primeira vez. Ao día seguinte espertan cun temporal de neve e coa noticia de que Paula, unha das rapazas da festa, desapareceu. Mentres, a vila queda incomunicada e cae internet. Cada vez é máis urxente atopala. Comeza unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.