O pasado venres, 3 de maio, presentouse no antigo cine de Vilalonga (Sanxenxo) o comezo da rodaxe da longametraxe ‘Así chegou a noite’, que será dirixida por Ángel Santos e producida por Maruxiña Film Company, produtora do tamén director Alfonso Zarauza.
Á presentación acudiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o deputado de Medio Ambiente e Mar e concelleiro de Sanxenxo, Marcos Guisasola, a directora de Organización e Xestión do Cambio da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo; Ramón Tilve, concelleiro de Meaño así como o director do filme Ángel Santos, os actores protagonistas da película Violeta Gil, Denis Gómez e Miquel Insua, o productor Alfonso Zarauza e a produtora executiva Analía G. Alonso.
Así chegou a noite rodarase durante o mes de maio e a primeira semana de xuño en diferentes localizacións entre os concellos de Sanxenxo, O Grove e Meaño. O filme contará a historia de Pablo (Denis Gómez), un escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega e que pouco a pouco irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familia e de Andrea (Violeta Gil), unha antiga amante de Pablo, que provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida.