‘As Neves’, dirixida por Sonia Méndez, preestreouse na Fonsagrada, a vila onde se rodou

‘As Neves’, dirixida por Sonia Méndez, preestreouse na Fonsagrada, a vila onde se rodou

A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida por Sonia Méndez, celebrou hoxe unha preestrea na Fonsagrada (Lugo), a vila onde se rodou, previa á súa estrea comercial en cines o vindeiro 10 de maio.

A directora, Sonia Méndez, manifestou a súa “enorme emoción” por presentar a película no lugar onde foi rodada e para agradecer a toda a xente da Fonsagrada o apoio e colaboración durante as semanas que estiveron rodando. Ela e mais a produtora Nati Juncal Portas, as dúas socias fundadoras de Cósmica Producións, foron as mestras de ceremonias do acto de presentación do filme ao que acudiron os actores e actrices protagonistas: Andrea Varela, David Rodríguez, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez. Todos mozos e mozas galegas sen apenas experiencia diante da cámara. Asistiu tamén a actriz Lucía Veiga, unha das intérpretes profesionais que completan o reparto.

No acto tamén interviu o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, que destacou o importante valor económico e promocional dunha rodaxe coma a de As Neves, que durante dous meses no inverno de 2022 trouxo un equipo de máis de 50 persoas a rodar á vila. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, sinalou a importancia de que as preestreas dos filmes feitos en Galicia se celebren nos lugares onde se rodaron, e o director de proxección social da CRTVG, Xaime Arias, gabou a traxectoria da directora e da produtora, que aínda que esta é a súa primeira longametraxe de ficción, “non pararon de recoller premios” por outros traballos audiovisuais en dúas décadas de carreira.
 

O filme é un drama adolescente ambientado nunha vila ficticia chamada As Neves, —trasunto da Fonsagrada (Lugo)— que se achega con mirada íntima á xeración moza que vive no contraste entre a hiperconexión e o aillamiento. Unha produción de Cósmica Producións en coproducción con Aquí y Allí Films, coa participación de RTVE, CRTVG e CREA SGR, a colaboración de HBO, o financiamento do Ministerio de Cultura (ICAA), o Instituto de Crédito Oficial e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Chegará ás salas de cine o vindeiro 10 de maio da man da distribuidora Sideral.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies