Portocabo e Agallas Films optan coas súas producións ‘Auga Seca’ e ‘A illa das mentiras’ aos Premios Celtic Media Festival

Portocabo e Agallas Films optan coas súas producións ‘Auga Seca’ e ‘A illa das mentiras’ aos Premios Celtic Media Festival

Éxito de candidaturas galegas no anuncio dos Premios Celtic Media Festival 2021, que acaban de facerse públicos en Escocia. Un total de 11 producións optan aos galardóns do prestixioso certame, que, ao igual que en 2020 e debido ás restricións da pandemia, se celebrará de xeito virtual no mes de setembro.

Nesta edición foron seleccionados os espazos da TVG “Malicia Noticias”, o noticiario de humor que analiza a actualidade dun xeito moi diferente, nas categorías de `o espíritu do festival’ e na de entretemento baseado en feitos reais; no apartado de historia, “Os Castros”, unha serie documental que dá a coñecer a riqueza do noso patrimonio castrexo, e, na sección de televisión real, o “Desmontando Galicia” dedicado ao AVE, un programa que trata de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural desde o punto de vista do entretemento e cunha atractiva narrativa de imaxe integrada dixitalmente.

Tamén son candidatos aos Celtic Media Festival, na categoría de entretemento, o espazo “Un canto á vida”, un concerto de Rosa Cedrón e Cristina Pato que pretendeu homenaxear as vítimas da covid-19 en Galicia; no apartado de programa infantil, “Aquelando na casa”, unha versión do programa de divulgación científica ‘Aquelando’ creado durante o confinamento para que a rapazada aprendese de xeito divertido desde os seus fogares, e, na sección de asuntos de actualidade, o espazo “Ruta amodiño”, pertencente ao xénero da slow tv, un programa que percorreu as principais cidades galegas para amosar a imaxe única e impactante das rúas baleiras de xente, no confinamento por mor da emerxencia sanitaria.

Outras producións que optan a estes galardóns son, na categoría de documental, “Máis ca vida”, que forma parte dun proxecto inclusivo dirixido por Rubén Riós e que xa foi destacado coa mención especial dos premios europeos Prix CIRCOM na categoría ‘Minorías en sociedade’; no apartado de series, a coprodución galego portuguesa da nosa asociada Portocabo “Auga Seca”, un thriller policial enmarcado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, que foi a primeira serie en lingua galega en incorporarse ao catálogo de HBO, e, na categoría de drama, a longametraxe da nosa asociada Agallas Films “A illa das mentiras”, gañadora de cinco premios Mestre Mateo, dirixida por Paula Cons e inspirada libremente en feitos reais, no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies