Rosa Moledo distinguida co III PREMIO DE HONRA DOLORES BEN

Rosa Moledo distinguida co III PREMIO DE HONRA DOLORES BEN

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) acordou en 2021 crear o Premio de Honra Dolores Ben para manter viva a súa memoria e recoñecer as persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba.

Dolores Ben foi presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) dos anos 2007 a 2019, dando exemplo de traballo e integridade. Muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, contribuíu coa súa dedicación e esforzo a construír un horizonte sólido de futuro audiovisual.

A Asociación quere distinguir nesta III edición o labor e persoa da tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo.

Rosa Moledo nace en Gosolfre, Mazaricos, e logo de estudar na Escola Oficial de Idiomas da Coruña e na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, leva máis de 30 anos dedicándose á tradución audiovisual e ao asesoramento lingüístico.

Como tradutora ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión coma para cine, entre os que se poden citar Fisterra, Sei quen es, A lingua das bolboretas, Lena, Os luns ao sol, O misterio Galíndez, 13 Badaladas, O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Abrígate, Agallas, Conexións, Cela 211, Engurras, O sexo dos anxos, A árbore magnética, Somos xente honrada, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin…

Como asesora e supervisora lingüística colaborou en numerosas sesións de dobraxe para televisión e cine, así coma na rodaxe de diversos programas de entretemento e series televisivas, como é o caso de Mareas Vivas, Fariña ou El caso Asunta. Leva tamén varios anos realizando o asesoramento lingüístico e a coordinación e corrección de textos para a súa publicación das obras producidas polo Centro Dramático Galego.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro día 18 de xuño en Cinemar Films ás 19h, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, situado no polígono de Novo Milladoiro, moi preto de Santiago de Compostela.

O I Premio de Honra Dolores Ben recaeu na poetisa e xornalista cultural Ana Romaní e o II Premio de Honra foi para a xornalista Tareixa Navaza. Ambos premios foron recollidos en senllos actos celebrados en Cinemar nos anos 2022 e 2023.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies