Remata con éxito a II edición do roteiro Educa Audiovisual impulsado pola Xunta e Agapi

Remata con éxito a II edición do roteiro Educa Audiovisual impulsado pola Xunta e Agapi

Por segundo ano, a Xunta de Galicia desenvolveu coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), o roteiro Educa Audiovisual polos Institutos de Educación Secundaria das catro provincias galegas. Unha iniciativa que busca achegar ao alumnado pezas do audiovisual galego e en galego de diferentes temáticas acompañadas dun coloquio posterior a cargo dalgún profesional do sector.

Así, os IES participantes este ano foron un total de dezaseis. Na provincia da Coruña: IES Xelmírez (Santiago), IES de Curtis (Curtis), IES Salvador de Madariaga e IES de Monelos (A Coruña), IES de Miraflores (Oleiros), IES Virxe do Mar (Noia) e o Ciclo Medio Saturnino Montojo (Ferrol). Na provincia de Lugo: IES Ánxel Fole (Lugo) e IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos). En Pontevedra: IES Valle Inclán e IES Frei Sarmiento (Pontevedra), IES Castelao (Vigo) e IES Francisco Asorey (Cambados). Finalmente, na provincia de Ourense participaron os seguintes centros: IES 12 de outubro (Ourense), IES Laboral (Ourense) e IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia).

En cada un dos centros, proxectáronse algunha das pezas propostas no catálogo Educa Audiovisual como: ‘A dobraxe en galego. Un modelo de normalización’ (Recrea Films); ‘Os camiños do neno labrego’ (Noveolas Producións); ‘Crianza’ (Sétima); ‘Aí ven o maio’ (Tamboura Films), ‘Elas, produtoras audiovisuais’ (Agapi) ou ‘Por Vir’ (Zeitun Films). Tras o visionado, o alumnado puido manter unha conversa con profesionais como: Chema Gagino, Simone Saibene, Gael Herrera, Silvia Fuentes ou Marta Eiriz. Da man das produtoras audiovisuais, os mozos e mozas galegos puideron coñecer as diferentes formas de produción e os detalles de como se desenvolve o traballo audiovisual.

Este roteiro despertou grande interese nos centros de ensino e cos seus resultados demostrou a importancia de achegar coñecemento profesional directo á mocidade,  favorecendo a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico a través da aprendizaxe significativa.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies