O equipo da serie ‘Los Argonautas’ xa está en Laxe para iniciar a rodaxe desta ficción de Portocabo e Radio Televisión Española (RTVE) dirixida a nenos e nenas de entre oito e 12 anos que se emitirá en Clan. Trátase da primeira produción de imaxe real para esta canle temática destinada ao público infantil e conta co cofinanciamento de 350.000 euros da Xunta de Galicia.
A serie ‘Los Argonautas’ está codirixida polos realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez e conta cun elenco que combina a experiencia de actores e actrices veteranos, como son Federico Pérez e Eva Fernández, co pulo dos novísimos intérpretes Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.
A trama xira ao redor dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente ao verse envoltos nunha grande aventura. Enfrontándose a distintos perigos, descubrirán o valor da amizade, a superación de barreiras, o encaixe das diferenzas, a integración ou a cooperación como clave para o éxito común. A ficción aposta así pola diversidade ao abrir xanelas a comunidades de inmigrantes como é o caso da caboverdiana ou a realidades como a de Olivia, unha nena xorda que non ten problemas en se comunicar cos demais.
A produción de Portocabo entronca coa tradición de grandes clásicos literarios —como ‘O clube dos cinco’ —ou do cinema —como ‘Os goonies’s—, no que o protagonismo recae na cativada que se ve na obriga de colaborar coas súas amizades para superar perigos e misterios. ‘Los Argonautas’ que toma o seu nome do grupo de heroes encabezados polo lendario Xasón da mitoloxía grega, rodarase na Coruña e en diferentes localizacións da Costa da Morte, polo que os seus 20 episodios funcionarán tamén como un auténtico catálogo de promoción cultural cun relevante potencial turístico.