Os traballos do 2021 que empezan a ver a luz

Os traballos do 2021 que empezan a ver a luz

Con esta volta a esta certa normalidade botamos a vista atrás para saber que proxectos do 2021 chegarán ás pantallas este ano. En Agapi quixemos falar con varios das nosas empresas asociadas sobre as súas próximas estreas.

O primeiro destes novos proxectos que poderemos ver este 2022 é a serie “Rapa”, unha produción de Movistar Plus en colaboración coa produtora Portocabo. O primeiro episodio mostrouse o pasado martes 22 de marzo no Festival de Málaga. Unha serie de 6 episodios dos creadores de “Hierro” Pepe Coira e Fran Araújo protagonizada por Javier Cámara e Mónica López. A expectación está servida e aínda que aínda non poden confirmar a súa chegada á plataforma si que nos aseguran  que será ao longo deste ano.

A produtora Maruxiña Film Company vén de estrear o pasado venres o filme “Malencolía”, a nova película de Alfonso Zarauza coa que o director dá o seu salto ao cinema de terror: “Estamos moi contentos e esperanzados con esta película que polo momento tivo un bo percorrido en festivais e agora chega por fin ás salas comerciais”. A película pódese ver nun total de 24 salas galegas de 17 localidades distintas.

Ademais desde a produtora están en fase de desenvolvemento de 4 proxectos novos, un deles é a próxima longametraxe de Ángel Santos que levará por título “Así chegou a noite”, un proxecto que xa recibiu a axuda ao desenvolvemento de Agadic e do que esperan pechar o financiamento este ano para poder empezar a rodar en 2023. Outro destes proxectos en desenvolvemento que aínda está nunha fase moi embrionaria é unha película que será codirixida  por Alfonso Zarauza e Xesús Ron, o director de teatro da compañía Chévere. 

En Maruxiña Film Company seguen gozando do éxito de películas como “Ons” dispoñible en todas as principais plataformas, ou “Os fenómenos” que se puido ver fai un par de semanas no programa televisión Versión Española.

E por último falamos con Daniel Froiz director de Matriuska Producións, quen nos comenta a rodaxe de “Matria”, a película de Álvaro Gago que naceu da curtametraxe que leva o mesmo nome: “A rodaxe foi en outubro/novembro do ano pasado e foi marabilloso, foron 5 semanas baixo un estrito protocolo de seguridade para evitar posibles brotes, pero foi unha rodaxe fantástica// Este éxito débese en gran parte ao gran traballo de Álvaro que sabe crear perfectamente un ambiente de equipo, un equipo que xa traballara xunto en anteriores proxectos e isto fai que se traballe con moito respecto e aprecio, algo que leva a que o rodado teña unha calidade impresionante. A montaxe foi moi ben e sinceramente creo que temos un peliculón, nunca antes tivera esta sensación de tanto acerto, desde o proceso de guión, rodaxe, a montaxe e ata a posprodución que tamén fixemos aquí en Galicia’’.

“Matria” está coproducida con Avalon e con María Zamora de Elástica Films quen acaba de recoller xunto a Carla Simón o Oso de Ouro en Berlín por “Alcarrás”.  Ademais, en Matriuska Producións están xa en fase de montaxe da longametraxe the “The Quite days of the Mr. Stevens”,  unha película dirixida por César Souto rodada entre Galicia e EEUU. A pesares de que a pandemia os obrigou a interromper a rodaxe durante o 2021, xa remataron de rodar o que quedaba en Hartford, (NY) a comezos deste ano. A montaxe está sendo realizada en Númax.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies