A Plataforma Audiovisual de Produtores Independentes ( P.A. P.) deu o berro de alerta pola falta de ambición, estratexia e visión de futuro do anteproxecto da Lei do Cinema e a Cultura Audiovisual ( LCCA). Nun acto celebrado no Festival de Málaga, a entidade lamentou que o articulado é insuficiente e que perde a oportunidade de adiantarse ás necesidades do sector da próxima década.
P.A. P., que representa a preto de 600 produtoras independentes, o 90% das empresas deste tipo en España, reclama que a definición de “produtoras independentes” conste no artigo de definicións da lei. Esta modificación resulta indispensable para garantir que todas as medidas incluídas no texto contribúan a protexer ao sector, ao mesmo nivel que o resto da cadea de valor audiovisual. Aínda que a plataforma valora positivamente que o anteproxecto de lei pretenda dar cobertura ao audiovisual máis aló das obras cinematográficas, lamenta que á hora da verdade esta apertura da normativa a formatos e xéneros diversos non vai acompañada dunha dotación orzamentaria específica e garantida.
Neste sentido, recoñece que o articulado “espertou as incógnitas e preocupacións do sector”. Por iso P.A. P. solicita que a lei blinde a dotación económica para a produción audiovisual en xeral e a cinematográfica en particular. Pide que a norma recolla de maneira xenérica que parte dos orzamentos xerais se destinarán á promoción desta actividade, e que ao mesmo tempo especifique que se realizará unha revisión anual para cubrir as necesidades do sector. Para dotar dun maior contido ao concepto “produtora independente”, reclama que o 100% das axudas públicas recollidas na lei estean destinadas ás produtoras independentes. Esta medida permitiría favorecer e protexer este tipo de empresas con axudas directas, en aras da competitividade do sector e salvagardar a diversidade e o patrimonio cultural.
Outro ámbito con marxe de mellora é o dos incentivos fiscais. As produtoras independentes esixen superar o sistema das agrupacións de interese económico (AIE) á hora de acceder a estes beneficios, ao consideralo “complexo e pouco eficaz”. Por tanto, consideran que no anteproxecto de lei debería contemplarse, en coordinación con Facenda, sistemas de incentivos fiscais máis eficaces. Adicionalmente, desde a plataforma vese como necesario o desenvolvemento dun regulamento de incentivos fiscais.
Doutra banda, P.A. P. xulga como insuficiente a creación do Consello Estatal da Cinematografía e da Cultura Audiovisual que contempla o anteproxecto de lei. Aínda que este ente abriría as portas á participación do sector en todo o que afecta o audiovisual, quedaría curto noutro obxectivo que as produtoras independentes consideran clave: o financiamento procedente de fondos distintos aos orzamentos xerais do Estado. Por iso, urxen a crear unha axencia público-privada do sector audiovisual, que si cumpriría ambos os propósitos.
O anteproxecto de lei, que busca actualizar a normativa de 2007 adaptándoa ás novas modalidades de distribución dos contidos audiovisuais, aprobouse no Consello de Ministros do pasado 15 de febreiro e atópase en trámite de audiencia e información pública. Xunto coa Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, a normativa nace para articular o Spain Audiovisual Hub aprobado dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Sobre a P.A. P.
A Plataforma Audiovisual de Produtores Independentes ( P.A. P.) engloba ás entidades AECINE, Diboos, MAPA (na que se atopa AGAPI), PIAF, PROA e PROFILM. No seu conxunto, representan ao redor de 600 produtoras audiovisuais independentes, o que equivale ao 90% das empresas deste tipo en todo o Estado. Creada en 2021, P.A. P. ten como finalidade traballar e unir forzas naqueles aspectos que afectan o sector da produción independente.