A Academia Galega do Audiovisual celebrou o sábado a entrega de premios do vixésimo aniversario dos Mestre Mateo, nun evento celebrado no recinto de Expocoruña no que Hierro resultou a máis premiada con 6 galardóns e o filme Jacinto obtivo 4 premios, entre eles o de mellor actor para o lembrado actor Pedro Brandariz.
O último premio da noite, o de mellor longametraxe, foi parar a Tres, que tamén gañou os Mestre Mateo a Mellor actriz protagonista para Marta Nieto e Mellor son para Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts.
A Virxe Roxa foi votado polas académicas e académicos como mellor documental e #DígochoEu, de CRTVG, como mellor programa. Este último tamén recibiu o galardón a mellor comunicadora para Esther Estévez Casado. Redes Vivas, de Metronoventa Creatividad e Producción Publicitaria, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario. O videoclip da canción Figa, de Tanxugueiras, producido por Playplan e Trece Amarillo, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip e, Augas abisais, de Rebordelos, o de mellor curtametraxe.
Hierro, que partía con 8 candidaturas finalistas, conquistou o galardón á mellor serie de televisión; mellor dirección para Jorge Coira; mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Lidia Fraga e Eligio R. Montero; mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón e Juan Galiñanes; mellor música orixinal para Elba Fernández e Xavi Font e mellor dirección de produción para Ana Míguez.
Jacinto fíxose con 4 galardóns dos 11 aos que optaba: mellor dirección de arte para Samuel Lema, interpretación masculina protagonista para Pedro Brandariz, maquillaxe e perruquería e vestiario, para Lorena Calvo.
Malencolía, de Alfonso Zarauza, fíxose con dous galardóns para os seus actores de reparto: Diego Anido e Iolanda Muíños.
O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Origen; Lucía C. Pan a mellor dirección de fotografía por ¿Qué hicimos mal?, e Mataría Microserie, de Dinamo Producións e Javi Sega Producciones, como mellor serie web.
Na Gala, a cineasta, xornalista, investigadora, poeta e escritora Margarita Ledo recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa traxectoria “comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua”.
Javier Veiga, Iolanda Muíños, Lucía Veiga, Alba Mancebo, Chechu Salgado, Isabel Blanco, Moncho Lemos, Alfonso Agra, Mela Casal, Santi Prego e Blanca Cendán foron os encargados de anunciar as gañadoras, nunha gala que contou coa música do Coro Sisters in the House e que foi emitida en directo pola TVG.