Os gañadores dos Premios Celtic Media Festival, aos que optan dez producións da CRTVG, coñeceranse o 11 de xuño de xeito virtual

Os gañadores dos Premios Celtic Media Festival, aos que optan dez producións da CRTVG, coñeceranse o 11 de xuño de xeito virtual

A edición de 2020 do Celtic Media Festival, que se ía celebrar do 4 ao 6 de xuño na localidade francesa de Quimper e a cuxos prestixiosos premios optan dez producións da CRTVG (7 candidaturas da TVG e 3 da Radio Galega), resolverase finalmente de xeito virtual, debido ás restricións actuais provocadas pola pandemia do Covid-19.  

Os premios serán anunciados o 11 de xuño en directo na páxina de Facebook do Celtic Media Festival (http://celticmediafestival.co.uk), un certame co que se promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación e que ten lugar desde hai 41 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.

“Sabemos a decepción que supón que se cancele a celebración da gala de 2020”, sinala a súa directora, Catriona Logan, quen explica tamén que antes do confinamento, os xurados comezaran a ver a lista dos programas candidatos e “afortunadamente a tecnoloxía permitiunos continuar co proceso”. “Agardamos que todo o mundo nos siga online o 11 de xuño para celebrar o sorprendente traballo das nacións e rexións celtas durante o ano pasado”. A organización do festival comunicou tamén que a edición de 2021 terá lugar en Quimper, na Bretaña francesa, no mes de abril.

Nesta edición, en que compiten producións repartidas entre un total de 23 categorías -que abranguen o mundo do cinema, do deporte, dos medios, da tecnoloxía, da actualidade, do entretemento e da arte-, foron seleccionados tres programas da Radio Galega. O espazo ‘Galicia por Diante’, presentado por Kiko Novoa, é candidato a mellor magazine; o programa ‘Mar de Ardora’, centrado no mundo do mar e presentado por Xusto López Carril, competirá polo premio a mellor espazo de radio documental (‘radio documentary’), e ‘A Bóla Extra’, unha innovadora experiencia de radio televisada, co humor como bandeira, foi seleccionada no apartado de comedia.

Entre as producións finalistas da Televisión de Galicia, que compiten con televisións de renome como a BBC, France 3, S4C (Gales), e TG4 e RTE (Irlanda), están a multipremiada película ‘O que arde’, dirixida por Oliver Laxe e gañadora de dous Goya, e o thriller policial ‘A Estiba’, candidato a mellor serie de televisión, categoría en que compite con ficcións tan destacadas como ‘Line of Duty’ e ‘Guilt’, ambas as dúas da BBC.

Na categoría de formato curto, está seleccionado o programa de realidade virtual ‘Un País en 360’, gravado con cámaras 360, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio natural e monumental de Galicia. Pola súa parte, o docu-reality de reformas ‘Galicia Bonita’ é candidato na categoría de programa de entretemento. Ademais, ‘Segredos – Desmontando Galicia’, gañador do Premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión, está seleccionado para o premio na sección ‘history’. Completan as producións finalistas da TVG o programa de divulgación científica ‘Aquelando’, dirixido a escolares e mozos, que é candidato no apartado de programa para nenos, e o documental ‘Fun ao Canaval’, centrado nos instrumentos musicais feitos a partir da cana galega.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies