A película ‘Fomos ficando sós’ de Adrián Canoura, producido por Zeitun Films, terá a súa estrea mundial no Festival Internacional de Cinema Documental de Amsterdam (IDFA)
A película ‘Fomos ficando sós’, do cineasta galego Adrián Canoura, terá a súa estrea mundial no Festival Internacional de Cinema Documental de Ámsterdam (IDFA). A película competirá na sección Luminous, e optará ademais ao Premio a Mellor Ópera Prima e ao Premio FIPRESCI.
‘Fomos ficando sós’ é unha travesía íntima entre Adrián Canoura e o seu pai, a bordo dun barco pesqueiro rumbo ao Gran Sol. O director embárcase non só nunha viaxe física, senón tamén emocional e sensorial, para comprender a vida mariñeira, a herdanza do oficio e os silencios que habitan entre ambos. A película combina arquivo familiar, formatos dixitais e experimentación plástica para construír un retrato poético sobre a soidade, a memoria e o vínculo entre xeracións.
A película é unha produción da galega Zeitun Films (‘Todos vós sodes capitáns’, Oliver Laxe; ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’, Alberto Gracia; ‘Mimosas’, Oliver Laxe; ‘Lúa Vermella’, Lois Patiño, ‘Miguel’s War’, Eliane Raheb). Con guión de Adrián Canoura e Aldara Pagán, fotografía de Arancha Brandón, montaxe de Iria Silvosa e deseño sonoro e música de Anxo R. Ferreira. A película recibiu o apoio da Xunta de Galicia – AGADIC, conta coa participación de TVG e o apoio de OPP-7 de Burela.
En palabras do director, “esta película nace dunha necesidade de mirar atrás, cara ao meu pai e cara ao mar que nos separou e uniunos ao mesmo tempo. A través do arquivo e a experimentación, busco entender como o tempo e o territorio moldean a nosa identidade, e como o silencio pode ser unha forma de diálogo”.
Adrián Canoura (Burela, Lugo, 1991) é un cineasta e videoartista galego cuxa obra transita entre o cinema, a videocreación e a música, cunha marcada pulsión experimental. Recoñecido en 2018 pola Academia Galega do Audiovisual como Novo Talento, colaborou con artistas como Baiuca, Sen Senra ou Guitarricadelafuente, e dirixido películas como Dá morte nace a vida, Rexistros ou Caerán Lóstregos do Ceo, premiada en Filmadrid. En 2025, o festival Curtocircuíto dedicoulle o Foco Terra e acolleu o espectáculo audiovisual Sirāt Live Soundtrack AV, ademais de impulsar o regreso da Mostra de Cinema ULTRAMAR. O seu traballo explora a memoria, o territorio e a identidade a través do cinema ensaio, o arquivo e a experimentación, compaxinando o seu labor autoral coa dirección visual en directo do proxecto musical Baiuca.
O Festival Internacional de Cinema Documental de Ámsterdam (IDFA) é o principal certame mundial dedicado ao cinema documental. En 2025 celebrarase entre o 13 e o 23 de novembro e acollerá as obras máis destacadas do panorama contemporáneo, combinando grandes nomes do xénero con novas voces autorales que exploran os límites do documental.
