Os XXII premios Mestre Mateo do audiovisual galego entregáronse o sábado pola noite nunha gala celebrada no Coliseum da Coruña. O filme de Jaione Camborda, ‘O corno’ foi a obra máis premiada da noite ao conseguir sete galardóns: Mellor dirección de arte (Melania Freire), Mellor maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira); Mellor son (Sérgio Silva e David Machado); Mellor vestiario (Uxía Vaello) e Mellor longametraxe. A directora alzouse cos premios a Mellor dirección e Mellor guion.
Pola súa parte, o equipo de ‘Matria’ recibiu os galardóns a Mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e dirección de produción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación na que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como Mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro como Mellor interpretación feminina de reparto e Santi Prego como Mellor interpretación masculina de reparto.
‘Rapa’, de Portocabo, votada polos académicos como Mellor serie de TV, tamén gañou os premios a Mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e Mellor música orixinal (Xavi Font). Dentro da ficción seriada, ‘A arte de ser (mal) pai’ dla produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo a Mellor serie web. Tamar Novas e Lucía Veiga subiron ao escenario da gala, por segundo ano consecutivo: o actor compostelán volveu a recoller o premio a Mellor interpretación masculina protagonista, polo seu papel en ‘¡Salta!’ (Vaca Films) e a intérprete e humorista coruñesa foi recoñecida, nesta ocasión, como Mellor comunicadora, polo seu traballo en ‘Malicia Noticias’. Completan a listaxe de profesionais galardoados Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias na categoría de Mellor Realización, polo seu trabajo en ‘O gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo’.
Por outro lado, ‘Os espazos en Branco’ impúxose na categoría de Mellor documental e ‘Cos pés na terra’, de Filmax-Producións A Fonsagrada, conseguiu o premio a Mellor programa. O videoclip de C. Tangana para o R.C Celta de Vigo ‘Oliveira dos cen anos’ venceu na súa categoría e ‘Chama a miña neta’ alzouse co premio a Mellor anuncio publicitario.
No apartado de Curtametraxe de Animación, a premiada é ‘To bird or not to bird’, de Abano Producións e Uniko Estudio Creativo.
A cerimonia de entrega da XXII edición dos premios do audiovisual galego foi presentada por Lidia Veiga e Miguel Canalejo. Xosé Ramón Gayoso entregou o Premio de Honra Fernando Rey a Eva Veiga. A gala dos Mestre Mateo reuniu así, 39 anos despois, a dous dos presentadores que formaron parte da primeira emisión da Televisión de Galicia o 25 de xullo de 1985.
Tamén houbo lugar para a reivindicación no Coliseum coruñés: o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, estivo acompañado sobre o escenario polo resto de integrantes da xunta directiva no momento de dar un discurso no que reivindicou “o compromiso de ser solidarias” e quixo darlle voz á situación da Academia Valenciana del Audiovisual que sufre desde hai varios meses “os efectos da intolerancia e da censura”. A presidenta da asociación, Teresa Cebrián, recalcou na súa intervención a importancia de que “o noso sector non se vexa obrigado a dar pasos atrás”.