A longametraxe +Cuñados, secuela da exitosa comedia Cuñados, conseguiu ser na semana da súa estrea a película máis vista nos cinemas galegos, superando nun 50% a recaudación da segunda máis vista, Civil War.
O filme estreouse en 34 salas galegas, obtendo o récord absoluto de presenza en sala dunha estrea comercial en Galicia, e afronta a súa segunda semana manténdose en 31 cinemas do noso territorio.
Continúan ademais os pases con presentación do equipo e coloquio, con citas este xoves 25 en Lugo co director Luis Avilés (Códex Cinema, 20:15), o domingo 28 en Seixo, Marín (Cine Seixo, 19:20h) co actor Federico Pérez Rey, e tamén o domingo 28 en Santiago (NUMAX, 18:30h) con Luis Avilés e actriz Iolanda Muiños.
Nesta nova entrega a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. Os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como telón de fondo.
O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do noso panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles súmanse nesta segunda entrega, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão ou Nuno Sá. A dirección desta secuela corre a cargo de Luís Avilés Baquero.