Agapi e a Xunta lanzan este mes a segunda edición do programa pedagóxico Educa Audiovisual para a difusión de producións galegas e en lingua galega entre o alumnado de Educación Secundaria. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades desenvolve esta iniciativa coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), que pon a disposición dos centros un catálogo de 14 títulos que se complementan con coloquios nos que profesionais do sector contextualizan e comentan as proxeccións na aula.
O roteiro, que percorrerá as catro provincias galegas ata o mes de xuño, arranca este luns 8 de abril no Instituto IES 12 de Outubro de Ourense coa proxección da peza documental Os camiños do neno labrego, sobre a que falará o seu produtor, Simone Saibene, de Noveolas Producciones. Pola súa banda, Elas, produtoras executivas, realizada pola propia Agapi, chegará o mércores 10 aos institutos IES de Curtis (A Coruña), presentada por Marta Eiriz, de Danga Danga, e IES Ánxel Fole de Lugo, coa participación de Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda.
Ao día seguinte, os institutos Valle Inclán e Frei Martín Sarmiento de Pontevedra poderán ver as curtametraxes Crianza e As ondas, da produtora Sétima, que serán comentadas pola súa xefa de produción, Silvia Fuentes, quen fixo parte do equipo da laureada O corno.
Pechan esta primeira quincena do ciclo dúas sesións programadas o luns 15 de abril nos institutos IES Castelao de Vigo, de novo coa presentación de Elas, produtoras executiva a cargo de Marta Eiriz, e IES Xelmírez de Santiago de Compostela, onde o director do documental Por vir, Eloy Domínguez Serén, compartirá co alumnado a súa experiencia á fronte desta produción de Zeitun Films.
Reflexión e espírito crítico
O catálogo dixital de Educa Audiovisual inclúe filmes, series, curtas e videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula en distintas materias curriculares. O empoderamento feminino, a identidade, o patrimonio ou a lingua son algúns dos focos arredor dos que orbitan as 14 obras, sempre desde unha óptica actual e accesible, que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de vangarda. O obxectivo é proporcionarlle ao profesorado unha nova ferramenta para lles achegar coñecemento aos seus estudantes a partir de contido audiovisual de calidade e en galego. Cada unha das fichas dos traballos desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, ademais de facilitar os enlaces para a súa proxección na clase. A maiores deste uso libre do catálogo, Educa Audiovisual ofrécelles aos centros a posibilidade de acceder aos coloquios a través dos que se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico.Ademais dos títulos xa mencionados, figuran no catálogo a serie documental 225 Km/24 h., de Miramemira; A dobraxe en galego, un modelo de normalización, de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; A mestra de escola, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; Ahí ven o Maio, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio Batallán, de Tamboura Films; Mourelle de la Rúa. O último gran descubridor, de Chema Gagino e Amalia Mato; a serie de pezas documentais O camiño das estrelas, de Tamboura; Repartidores do rural, de Miramemira; Tesouros somerxidos, de Tex45, e Videogramas. A propósito de Compostela, de Numax.