Matriuska Producciones está filmando estos días no Museo de Belas Artes da Coruña un documental sobre a historia de Sargadelos. O filme está dirixido por Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo e conta con Daniel Froiz como produtor executivo.
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a “Bauhaus galega” polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso.
Outros dos escenarios polos que discorrerá ‘Hoxe e o resto do mundo’ son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O documental achegarase en primeiro lugar á figura do Marqués de Sargadelos para explicar como foi quen de poñer en pé unha industria pioneira na Mariña lucense. O percorrido continuará no século XX coa creación de Cerámicas do Castro en Sada (A Coruña) e co periplo vital de Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro “Mimina”, en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos. Xa no século XXI, abordaranse os desafíos da compañía para o relanzamento da marca.