Nove obras producidas por asociadas de AGAPI dentro da programación da 48ª Semana do Cine de Lugo
A 48ª Semana do Cine de Lugo, que se celebrará do 21 ao 26 setembro, aposta un ano máis por unha programación con gran diversidade de formatos, olladas e narrativas do panorama cinematográfico actual. Permitindo aos espectadores acceder a historias que abarcan dende a recuperación do patrimonio oral e a memoria histórica ata os conflitos persoais e contemporáneos. Unha selección co cinema galego como protagonista e na que figuran nove obras de produtoras asociadas de AGAPI.
Sección Cine Galego: Longametraxes

- Fomos ficando sos (Zeitun Films): Dirixida por Adrián Canoura, esta peza segue a viaxe do propio director a bordo do barco no que o seu pai navegou durante décadas no Gran Sol, procurando romper silencios e achegarse a el entre as rutinas do mar.
- 360 curvas (Rebordelos): Dirixido por Alejandro Gándara e Ariadna Silva Fernández e Rebordelos galardoado co premio Mestre Mateo a Mellor Documental, este traballo percorre o difícil camiño de montaña que separa A Fonsagrada de Lugo para reflectir a loita e a decadencia dunha comunidade rural dende os anos noventa.
- O silencio herdado (Gaita Filmes): Documental dirixido por Lucía Dapena (finalista nos premios Mestre Mateo) no que a directora busca explorar o silencio doloroso e profundo da súa avoa Edilia, convertendo ese baleiro sen respostas no propio lugar de encontro entre ambas.
- Todo pode esperar (H501 Studio): Dirixido por Borja Casal, o filme retrata a historia de César, un profesor xubilado que tras intentar sen éxito ser cantautor na súa xuventude, decide aos 70 anos gravar o seu primeiro disco, acompañado por figuras da cultura galega como Manuel Rivas ou Xurxo Souto.
- Ao son da nova regueifa (Undodez): Documental dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda que rende homenaxe á tradición oral da regueifa e á improvisación, amosando a súa continuidade e renovación nas voces das novas xeracións como un acto de reivindicación cultural e comunitaria.

Sección Cine Galego: Curtametraxes
- Ante o avesío (Artyc Contet): Dirixida por Xaime Miranda e protagonizada por Miguel de Lira e Diego Anido, esta curtametraxe traslada o espectador á busca desesperada dun pai que acode a unha meiga para curar o seu fillo, adentrándose nunha viaxe arriscada cara ás profundidades do descoñecido.
- Escala un cincuenta mil (Rebordelos): Curtametraxe documental dirixida por Ángel Suanzes que funciona como unha road movie familiar, reconstruíndo a viaxe de noivos dos seus pais nun Seiscentos pola España de 1974 para debuxar un mapa emocional e mudo do pasado.
- As mans da pulpeira (Matriuska Produccións): Dirixida por Silvia Cachafeiro e ambientada na Galicia dos anos 50, a historia amosa a complicidade e o traballo diario de dous polbeiras nunha romaría, retratando a axuda mutua entre mulleres nun contexto adverso.
- Algo novo que contar (Brava): Dirixida por Paula Pereira, a curtametraxe reflicte as inseguridades, o medo ás expectativas e a comunicación nun grupo de amigas durante un verán, cando a protagonista enfronta o temor a revelar a súa inexperiencia íntima ante a rapaza coa que mantén un romance.
