Miguel de Lira gaña o premio ao mellor actor no Acocollona’t por Ante o avesío (Artyc Content)
A curta de Xaime Miranda, producida pola asociada de AGAPI Artyc Content, suma once seleccións desde a súa estrea en Cans e terá novas proxeccións en Galicia e Cataluña
Miguel de Lira foi distinguido co premio ao mellor actor no Festival Acocollona’t de Girona pola súa interpretación en Ante o avesío, dirixida por Xaime Miranda e producida por Artyc Content. O certame de cinema fantástico e de terror pechou esta pasada fin de semana a súa edición de 2026.
Na curta, De Lira dá vida a Manuel, un pai que, desesperado polos problemas de saúde do seu fillo, recorre a unha meiga na procura dun remedio. Guiado por ela, atravesa a fronteira do real e emprende unha viaxe cara ao descoñecido para enfrontarse á orixe dos males do neno.
Estreada o 23 de maio no Festival de Cans, no Porriño, a película iniciou este verán o seu percorrido internacional no Rhyller Thriller, no Reino Unido, e participou no Corrosivo Film Fest de San José, en Costa Rica. A súa traxectoria inclúe tamén o Lóstrego, na Coruña, e o Fangofest de Amposta, ademais do Acocollona’t.

Próximas proxeccións
En Galicia, Ante o avesío poderá verse o 23 de setembro no Galician Freaky Film Festival de Vigo e na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Máis adiante chegará ao Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, que se celebrará do 23 de outubro ao 1 de novembro.
Fóra de Galicia, a curtametraxe está seleccionada no Galacticat, Festival Internacional de Cinema de Tàrrega i Ponent, que terá lugar do 28 de setembro ao 4 de outubro, e no Frame Film Festival, certame itinerante da provincia de Tarragona.
Rodada en galego en localizacións da provincia de Lugo, a película ten unha duración de dezasete minutos. Xunto a Miguel de Lira, integran o elenco Diego Anido, María Roja, Tareixa Campo e Miguel Borines. Rubén Coca e Tania Vila asinan a produción, Elena Lombao a dirección de fotografía e Nuno Pico a música. A distribución corre a cargo de Distribution with Glasses.