A miniserie ‘Pulp Air’, (Henfunk Studio) chega de balde á plafaforma Divergente tras a súa destacada traxectoria en festivais

A miniserie ‘Pulp Air’ producida pola asociada de AGAPI Henfunk Studio chega de balde á plataforma Divergente tras un longo percorrido por festivais internacionais. Esta comedia de situación creada e rodada en Galicia e en galego, ambientada nunha aeroliña moi particular está escrita e dirixida por Anita Pico.
A serie conta cunha destacada traxectoria en festivais nacional e internacional: estreouse en máis de 15 países, entre eles os Estados Unidos, Alemaña, Italia, Perú e Nova Zelandia; participou en festivais de prestixio como HollyShorts; acadou seis nomeamentos nos premios Bilbao Seriesland e foi finalista nos Premios Mestre Mateo 2025 na categoría de mellor serie web.

‘Pulp Air’ está formada por tres capítulos e presenta unha comedia coral ambientada nunha aeroliña rural onde nada funciona como debería… pero todo segue adiante ao xeito galego. Entre voos cancelados, pasaxeiros excéntricos e empregados que viven no seu propio universo, a chegada de Verónica, unha azafata forasteira decidida a poñer orde, provoca un choque cultural tan cómico como tenro con Estevo, o orgulloso líder local. A través do humor absurdo, da retranca galega e dun retrato moi humano dos seus personaxes, a serie explora como as diferenzas culturais, a resistencia ao cambio e a improvisación cotiá poden converterse en pura comedia, tan real como surrealista.
A ficción conta cun elenco formado por recoñecidos intérpretes do noso audiovisual. O reparto está integrado porvLucía Veiga, Pablo Meixe, Isabel Garrido, Marita Martínez, Mayka Braña, Andrea Vilariño, Duarte Galbán, Alberto Abal, Javi Tink e Kevin Stewart entre outros. Tras o seu percorrido por festivais ‘Pulp Air’ dá agora un novo paso coa súa incorporación ao catálogo de Divergente, onde xa pode verse de balde.
