A película de María Solinha é unha das máis agardadas deste 2020. A crise do coronavirus paralizou o sétimo arte. Obrigou a cancelar a preestrea para o 15 de maio. Sen embargo, o seu director, Ignacio Vilar, apostou por mudar ese plan inicial co obxectivo de que a sociedade galega puidera gozar da súa última obra. O filme cambiará ás salas de cinema das cidades polo rural. O seu camiño de presentación ante o público arrincará con dúas “premières” ao aire libre en Redondela e Cangas, dous municipios fundamentais na película de Ignacio Vilar, que ante a emerxencia sanitaria destaca que “optaron por darlle creatividade a apostar por estas estreas ao aire libre”.
O director de filmes como “A Esmorga”, “Pradolongo” ou “Vilamor” detalla que estes dous grandes eventos cinéfilos terán lugar o venres 19 de xuño en Redondela e o sábado 20 en Cangas. Os lugares aínda non están totalmente confirmados. O que si garante Vilar é que se cumprirán todas as recomendacións sanitarias. Será obrigatorio o uso de mascarilla, o aforo limitarase a 200 butacas para garantir a distnacia de seguridade, o recinto estará precintado e haberá un túnel desinfectante para garantir ao máximo as condicións de hixiene.
A loita contra o coronavirus mesturarase co “glamour” da estrea de “María Solinha”. Nestas dúas primeiras proxeccións ao aire libre en Redondela e Cangas, Ignacio Vilar sinala que o photocall comezará ás 22:00 horas e está previsto que o pase comece ás 23:00 horas. Pola alfombra vermella pasarán protagonistas do filme como Grial Montes, Laura Míguez, Antonio Durán “Morris” ou Santi Prego. O director destaca a singularidade da proxección en Cangas, onde os asistentes verán a película no mesmo lugar onde se desenvolve. Pura maxia.
O “tour” de María Solinha non parará. Ignacio Vilar ultima que esas proxeccións ao aire libre que acollerán Redondela e Cangas teñan lugar noutros concellos de Galicia. É unha aposta polo rural. Supón achegar a sétima arte a eses concellos que non teñen salas de cinema. As sesións serían de balde grazas á colaboración de administracións como as deputacións provinciais e ao apoio de empresas privadas como Abanca.