A produtora Zeitun Films, coa que está a dirixir a súa próxima película, Montaña ou Morte, o cineasta Pela del Álamo, vén de anunciar que as cámaras automáticas de fototrampeo colocadas en diversas localizacións do Parque Natural dos Montes do Invernadeiro, no Macizo Central ourensán, rexistraron “reiteradamente” a presenza dun oso pardo na zona, na que non hai constancia de presenza da especie desde hai máis dun século. A noticia prodúcese despois de que nos últimos anos se rexistrase tamén a presenza de exemplares no Courel, co que estarían a estenderse máis alá dos Ancares, a única zona de Galicia que ata agora contaba con presenza regular.
Segundo informan desde a produtora, para o rexistro destas imaxes o equipo de Zeitun Films contou co asesoramento dos Axentes Ambientais da Xunta no Invernadeiro Ricardo Prieto Rocha e Tomás Pérez Hernández, os dous expertos coñecedores da comarca. Segundo salientan, “o exemplar, un macho de entre 3 e 5 anos, é o primeiro en ser filmado na zona e probablemente o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos”.