A CRTVG acordou a súa participación en sete novos proxectos cinematográficos, seis longametraxes de ficción e documentais, e unha TV movie sobre a figura de Sofía Casanova, nunha decisión enmarcada no conxunto de medidas deseñadas para reforzar o compromiso coa industria audiovisual galega e nunha medida anticipada debido a conxuntura creada polos efectos da COVID-19. Este paquete de “Medidas de apoio ao sector audiovisual e creativo para contrarrestar os efectos da COVID-19 (8 de abril)”, é público no Portal de Transparencia da CRTVG.
As producións seleccionadas, nunha xuntanza extraordinaria da Comisión Directiva de Programación da CRTVG, son ‘Estelas’, primeira longametraxe de ficción do director novel Roberto Alvite; a longametraxe documental de creación ‘Nación, un sitio onde pousar a cabeça’, dirixida por Margarita Ledo, e catro longametraxes documentais: ‘Onde máis doe’, sobre a violencia de xénero, de Xamalú Producións; ‘Patarinos’, producida por Sétima S. Coop. Galega; ‘Morabeza’, longametraxe documental producida por Kaito Estudios e dirixida por David Mon, e ‘Verde, a cor da soidade’, de Alberto Trabada.