Manolo González presenta mañá (mércores 15) ‘Nos días encantados de agosto’, a súa biografía de José Gil, en NUMAX

Manolo González presenta mañá (mércores 15) ‘Nos días encantados de agosto’, a súa biografía de José Gil, en NUMAX

A libraría NUMAX acollerá o próximo mércores 15 de marzo ás 20h00 a presentación da biografía sobre a figura de José Gil, titulada «Nos días encantados de agosto», editada por Galaxia. O autor estará acompañado no acto pola cineasta Margarita Ledo Andión e o docente e xornalista Manuel Gago. A entrada é libre ata completar aforo. 

O libro Nos días encantados de agosto é unha viaxe apaixonada na busca do rastro do esquecido iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, ou o cine educativo, etnográfico e científico. José gil foi un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo. Este volume é a quinta publicación da colección Pantallas. Para unha historia do cinema en lingua galega que edita Galaxia. No acto, que terá lugar o mércores 15 de marzo ás 20:00h, o autor estará acompañado pola cineasta Margarita Ledo Andión e o docente e xornalista Manuel Gago. 

Manolo González encetou coas primeiras experiencias de cine e vídeo nas aulas en 1982. En 1984 foi responsable da Area de Cine e Video na Dirección Xeral de Cultura de Luís Álvarez Pousa, organizando as primeiras axudas públicas ao audiovisual galego e a posta en marcha do Arquivo da Imaxe de Galicia. Traballou nas áreas de realización e produción en curtametraxes e programas da TVG dos anos 80. Creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998), participou activamente na investigación e a memoria audiovisual da emigración, con publicacións e traballos de campo an Arxentina, Uruguai, México e Cuba. Entre outros, publicou Documentos para la Historia do cine en Galicia (1970-1990), así como colaboracións en libros colectivos, folletos e artigos, sobre política e patrimonio audiovisual, cinema da emigración e formación audiovisual. Foi director de desenvolvemento da produtora Dygra Filmes (2004-2005); creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (2005-2009) e profesor de produción na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Na actualidade, exerce como profesor de Historia de España e Cultura audiovisual no IES Concepción Arenal de Ferrol, mentres segue a participar no encontro de cineastas Chanfainalab en San Sadurniño (2014-2022).

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies