O imaxinario fantástico de ‘Lúa vermella’, producida por Zeitun Films e Amanita Studio, poderase ver por primeira vez en Galicia na 17 edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto. O Festival terá lugar os próximos 3 e 11 de outubro en Santiago de Compostela. Esta nova longametraxe do cineasta vigués Lois Patiño exhíbese estes días no Festival de Málaga, onde compite na sección ZonaZine do certame.
Tras o paso de ‘Lúa vermella’ polo festival andaluz, o filme de Lois Patiño continuará o seu percorrido por certames internacionais ata a súa primeira proxección en Galicia, da man de Curtocircuíto, previa á súa estrea en salas de cinema o vindeiro 30 de outubro.
En ‘Lúa vermella’, o cineasta galego introdúcese na Galicia do mar, onde a realidade e a lenda se funden. O filme ambiéntase nunha localidade da costa galega onde o tempo parece que se detivo. As persoas están paralizadas, aínda que as súas voces poden oírse: falan de fantasmas, de meigas, de monstros. Ao lugar chegan tres mulleres na busca do Rubio, un mariñeiro que desapareceu no mar.
O Rubio de Camelle é un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres de naufraxios e que se interpreta a si mesmo. No elenco destacan tamén Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos, que dan vida a un trío de meigas que, como a Santa Compaña, móvense no espazo onírico da película. A historia real do Rubio envólvese, así, por seres que habitan o imaxinario fantástico galego.
Producida por Zeitun Films e Amanita Studio, ‘Lúa vermella’ conta co apoio da Xunta de Galicia, Agadic e TVG.