A produtora Fernanda del Nido recibe o IV Premio de Honra Dolores Ben nun emotivo acto celebrado en Cinemar

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) entregou onte o IV Premio de Honra Dolores Ben á produtora Fernanda del Nido. A produtora agradeceu o recoñecemento e lembro, emocionada, a Dolores Ben, quen fora a súa compañeira de profesión ademais de amiga. Ata o momento foron premiadas en edicións anteriores a poetisa e xornalista cultural Ana Romaní (I Premio Dolores Ben), a xornalista Tareixa Navaza (II Premio Dolores Ben) e a tradutora e lingüista Rosa Moledo (III Premio Dolores Ben).

A entrega do galardón tivo lugar en Cinemar Films, estudo cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, emprazado no polígono de Novo Milladoiro moi preto de Santiago de Compostela. Ata alí desprazáronse numerosos invitados relacionados co mundo da cultura que quixeron arroupar coa súa presenza este acto tan especial que contou coa participación de Natividade González, deputada de cultura da Deputación da Coruña, e co acompañamento musical do grupo Lula Mora.

Fernanda del Nido é produtora de cine, é membro de ACE (Ateliers du Cinema Européen) e compaxina o seu traballo de produción coa docencia, ademais de ser desde 2020 xefa de estudos do Programa EAVE Puentes.
En 2006, fundou TIC TAC PRODUCCIONES na Coruña, onde produciu longametraxes como ’18 Comidas’, Polvo’ e ‘Tralas luces’, ‘¿Qué culpa tiene el tomate’ (estreada no MOMA) e ‘Agua fría de mar’ (premiada no Festival de Rotterdam). Tamén participou na produción executiva de documentais e proxectos audiovisuais para exposicións.
En 2014, crea en Barcelona unha nova produtora, SETEMBRO CINE. Desde aquí, participa en proxectos de gran renome internacional como ‘Una mujer fantástica’, (Óscar á mellor película de fala non inglesa), e ‘Neruda’, (nomeada aos Globos de Ouro). Tamén coproduciu filmes como ‘La boda de Rosa’ e ‘Objetos’.
Dentro dos seus últimos proxectos descata a producción en 2024 de ‘El llanto’, Premio Concha de Plata Festival de San Sebastián. Así como ‘La llegada del hijo’, estrenada no pasado Festival de San Sebastián e Premio a Mellor película arxentina en Mar del Plata FF. Actualmente atópase mergullada na producción de ‘A Nadadora’ da directora galega Sandra Sánchez.
