Estrea na TVG de ‘A Coral’, unha nova comedia producida por Tex45

Estrea na TVG de ‘A Coral’, unha nova comedia producida por Tex45

O vindeiro domingo 9 de febreiro, xusto despois do Telexornal da Noite, chega á TVG unha serie que celebra o humor e a música coral cun elenco de luxo.

Televisión de Galicia presenta a súa nova aposta de ficción: A Coral, unha comedia de trece episodios producida por Tex45 que se estrea este domingo 9 de febreiro, xusto despois do Telexornal da Noite. A serie narra as divertidas desventuras dun grupo de veciños de Ribadeabaixo, un pequeno pobo galego, que se embarcan na misión de perfeccionar as súa dotes vocais baixo a dirección dun carismático e peculiar mestre.

O aclamado actor Carlos Blanco regresa á TVG tras o seu éxito en producións como ‘Fariña’,’Rapa’ e ‘O caso Asunta’, encarnando a Manuel Merino, un prestixioso director de corais que podería definirse como un “Doctor House á galega”. Tras un desafortunado incidente nun dos seus concertos, Merino vese obrigado a aceptar o traballo que lle ofrece o seu amigo Suso, concelleiro de cultura de Ribadeabaixo, interpretado polo carismático Marcos Pereiro. Xuntos darán vida a unha historia chea de situacións cómicas e entrañables.

Completan o reparto Marta Larralde (Seis Irmás, Gran Hotel, Fariña), quen interpreta a Sesé, a voz da cordura no grupo e cun pasado en común co esixente director. Eva Iglesias, rostro coñecido da TVG, aporta o toque máis hilarante ao interpretar a unha autoproclamada ex-corista de Beyoncé, cuxas aspiracións chocan coa dura realidade. A elas súmase María Pérez, integrante de Fillas de Cassandra, que debuta como actriz no papel de Ana, ofrecendo unha interpretación e unha voz que sorprenderá ao público.

A música xoga un papel central en A Coral, que incluirá unha versión especial do popular tema Tataravoa de Fillas de Cassandra, adaptado por Manú Conde, que poderá gozarse no último episodio.

O elenco conta tamén coa participación da soprano Teresa Novoa, Jesús Suárez —o primeiro actor invidente nunha serie da TVG—, Manu Casal e Paula Jorge, quen aportan diversidade e frescura á trama cos seus peculiares personaxes.

‘A Coral’ promete risas, emocións e moita música en cada capítulo. Para os máis impacientes, os sete primeiros episodios estarán dispoñibles dende as 21:00 horas en agalega.gal e na aplicación móbil da TVG.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies