No 2024, a Asociación Galega de Produtoras Audiovisuais, Agapi, fixo 30 anos de traxectoria como asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Anos nos que día a día se traballou para crear vínculos entre todos os axentes do sector, incluíndo as administracións e as televisións, tanto galegas como estatais.
A asociación organiza seminarios, xornadas de formación, mentorizacións, informes… ademais de colaborar con diferentes universidades, outras asociacións profesionais, festivais, mercados audiovisuais, Film Commisions e Egeda (Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais).
Un esforzo e traballo continuo que fai que Agapi veña de acadar as 40 empresas asociadas, o número máis elevado desde o seu nacemento. Empresas que entenden o audiovisual como sector estratéxico e de futuro para Galicia, apostando polo traballo colaborativo e a unión, como piares esenciais para reforzar o noso audiovisual.
Ese é o camiño no que están e no que seguirán incidindo no futuro, comprometéndose con cada unha das empresas asociadas en crear sinerxías, escoitalas e tentar dar solución as súas demandas para garantir a consolidación e estabilidade necesarias para o sector.
Novos membros de Agapi
Entre as últimas incorporacións a Agapi están as produtoras Sun Lúa, de Héctor Carré; Acariño Films, de Andrés Sanjurjo; Martela Films, de Rosa Taboada; Artyc Content, de Rubén Coca e Tréboa Media, de Alberto Domínguez.
Sun Lúa é unha produtora que naceu hai máis de 30 anos da man de Héctor Carré e que recentemente se reincorporou á Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi, ante as numerosas iniciativas que levan a cabo en diferentes áreas relacionadas co audiovisual. Unha decisión que augura frutífera para “poder levar a cabo proxectos en coproducción ou desenvolver traballos doutras persoas, dando un paso máis coa miña produtora Sun Lúa que no seu momento naceu para producir os meus propios filmes. A relación con outras produtoras e os contactos entre persoas do audiovisual é máis sinxela baixo o asociacionismo que leva a cabo Agapi”.
No mes de outubro do 2024, Andrés Sanjurjo sumou a súa produtora Acariño Films a Agapi. Unha idea que xa tiña pensada dende a creación da súa produtora a finais do ano 2022, pero preferiu asentar os alicerces da mesma antes de sumarse ao gran paraugas do audiovisual galego que é Agapi. “En Galicia somos moitas produtoras que temos os mesmos intereses e o presente e futuro pasa por unha loita conxunta deles. É a única maneira de ter representación de cara as institucións e que se escoiten as nosas propostas e peticións”, comenta. Unha representación conxunta “que se suma a poder sumarse a charlas, mentorías, formacións e outras actividades que impulsan dende a asociación”.
Tras unha longa traxectoria no campo da imaxe, no ano 2021 Rosa Taboada fundou a produtora Martela Films dando relevancia ao nome de “Martela”, o nome co que eran chamadas as mulleres da súa familia. Un fío que non é casual, xa que Rosa Taboada, deu o paso de crear Martela Films “para dar continuidade a un proxecto co que abordo a historia, a arte, a filosofía e, sobre todo, ás mulleres”.
De pertencer a Agapi destaca “a importancia de estar asociados e defender os intereses afíns nas produtoras galegas. É tamén unha plataforma na que intercambiar impresións con profesionais que van na liña que admiro, e un referente para produtoras tanto independentes como aquelas máis grandes e comerciais, pero todas elas cun denominador común, un coidado excepcional pola calidade”.
No ano 1999 naceu Artyc Content o que a converte nunha consolidada produtora no panorama audiovisual galego que, tal e como comenta Rubén Coca, tiña no listado de tarefas pendentes unirse a Agapi, e que materializou neste mes. A produtora naceu coa idea de facer só ficción, curtas e videoclips, pero co tempo foi abrindo novas xanelas e incluíndo nos seus traballos produción musical e teatro. Na actualidade as súas liñas de actuación son a produción de cine e animación -longas e series-, distribución e produción de obras de teatro e grupos musicais galego e de fóra das nosas fronteiras, e producir eventos culturais.
“O interese conxunto das produtoras que aglutina Agapi fai que se poñen en común esforzos para acadar intereses comúns. Son dos que pensa que a unión fai a forza, e con Agapi esta premisa é unha realidade. Fai posible que os esforzos e experiencias sumen para ter unha voz non só a nivel galego, senón tamén cara o exterior, sacando peito e amosando a nosa identidade desde o noso propio prisma”.
A produtora Tréboa Media, de Alberto Domínguez entrou a formar parte de Agapi no ano 2024, unha decisión tomada a raíz de “que queríamos formar parte dunha comunidade que loita polo audiovisual galego. Como empresa emerxente, valoramos a posibilidade de colaborar con outros profesionais para reforzar a nosa presenza na industria local”, comenta.
De cara ao futuro, formar parte de Agapi “permitirá beneficiarnos da súa experiencia e apoio na promoción das nosas producións, así como participar en iniciativas que impulsen o fortalecemento e a innovación no sector audiovisual galego”.
A experiencia das produtoras máis antigas
Nos 20 anos de historia de Matriuska no panorama audiovisual é unha das produtoras máis lonxevas en Agapi. Unha produtor que viu unha evolución dunha asociación que vai mudando co sector e as súas novidades ano tras ano. “Actualmente Agapi está moi de acordo coas demandas reais do sector”, comenta Dani Froiz, de Matriuska.
Pola súa experiencia, o produtor destaca “o bo momento colaborativo actual de cara as necesidades que o sector ten, así como a participación directa, non só dos membros da directiva, senón que tamén de todos os socios e socias, na toma de decisións. Esa existencia dun feedback continuo, tamén axudado polas novas tecnoloxías, fai que todos nos sintamos máis partícipes da entidade á que pertencemos”. Entre os ámbitos de traballo, cabe destacar a formación de comisións de traballo, “que fan que diferentes equipos se dediquen a estudar áreas específicas do audiovisual. Desde o sector de axudas, a demandas en eidos concretos, ou a situación de entes públicos”.
En Agapi, xunto con produtoras de longa traxectoria, están outras novas, con unha ollada máis fresca da “unha perspectiva do sector actual e que considera a Agapi como o lugar dende o que mirar cara o futuro””. “É moi representativo que todo o sector da produción audiovisual esté en Agapi e que Agapi sexa unha asociación tan dinámica con todo o tempo que iso conleva. Non podo máis que destacar o traballo de toda a directiva que logra sacar día a día algo tan pouco sinxelo como é traballar con diferentes produtoras, con diferentes asociacións de España, estar ao día de toda a lexislación… un traballo que as veces non se recoñece o suficiente”.
Nós, produtora Cinematográfica Galega, naceu no ano 2000, e como membro de Agapi de longo percorrido, destaca a “necesidade de que exista esta asociación para acadar intereses comúns, ademais de ser un espazo ao que recorrer en materia de asesoramento, como medio para contactar coas administracións ou para entrar no mercado e obter o financiamento preciso para levar a cabo os proxectos”, comenta a produtora Olaia Ledo.
Con dúas facultades de Comunicación Audiovisual en Galicia, o sector é un potencial, e coa existencia de Agapi as novas produtoras poden encamiñar o seu futuro e, as consolidadas estar en continua formación e reciclaxe no que atinxe ás novidades referidas ao sector. “Agapi foi camiñando paso a paso, pero de xeito firme. Ten as ideas claras e o seu traballo axuda a facer forza e unirse ante intereses comúns”.
Felipe Lage, da produtora Zeitun Films, e presidente de Agapi, destaca dos anos de existencia da asociación, “o incremento substancial do número de socios e a posición importante tamén a nivel nacional que se foi labrando co paso dos anos”. Unha posición que é froito do traballo, esforzo e cooperación da rede tecida en Agapi e que vai máis alá das nosas fronteiras.
Traballo que non pasa desapercibido para a industria. “Penso que saben que en Agapi se fan ben as cousas, que se traballa polo ben común, por fortalecer o sector e onde todos poden ser escoitados”, comenta. Desde Agapi “estudamos, revisamos e propomos melloras para todas as convocatorias que se publican relacionadas co audiovisual, a nivel provincial, autonómico e estatal. Penso que aí facemos un gran traballo, bastante específico e con resultados moitas veces positivos”.
Finalmente, Felipe Lage destaca que “ao igual que o noso audiovisual, Agapi é máis forte que nunca, e seguiremos traballando arreo para que ambos o sexan aínda máis”.